O concello de Monforte conmemora o Día Internacional da Muller con obradoiros, charlas e xornadas formativas

Hoxe conmemorase o Día Internacional da Muller e,  por ese motivo, o concello de Monforte, a través do Centro de Información á Muller (CIM), preparou un conxunto de actos. A concelleira de Cultura, Marina Doutón, leu un manifesto na Praza de España en favor da Igualdade.  

Loitar contra a violencia de xénero, acabar coas diferenzas salariais entre homes e mulleres, ou potenciar as medidas que favorezcan a conciliación. Son algúns aspectos nos que Doutón fixo máis fincapé.

 

No evento participaron tamén os alumnos da escola infantil municipal  de Monforte e os estudantes de 3º da ESO dos centros de ensino. Os rapaces leron tamén varias mensaxes na defensa da igualdade e despois penduráronas nun mapa do mundo.

Xa pola tarde, o salón de actos do Centro Cívico Social será o escenario do relato de varias historias nas que se reflectirá a sabedoría das mulleres e o seu legado. A narración estará a cargo de Teresa Grau, que virá acompañada por Paula Vázquez Verao ó clarinete. Será o 8 de marzo a partir das 20:15 horas.

 

“María Castaña. Unha muller para o 8 de marzo”

 

Dous días despois, o xoves 10 de marzo, o alumnado dos centros de Educación Primaria de Monforte e da comarca asistirán á reprodución do conto en formato dixital, coa voz en off da xornalista Manola Porto. Ademais hanse  entregar exemplares do conto ilustrado cos debuxos que elaboraron o pasado ano no obradoiro “Mulleres de Lemos, María Castaña. Unha muller para o 8 de marzo”. Será no salón de actos da Casa da Cultura e haberá dúas quendas para este evento, a primeira delas ás 11 da mañá e a seguinte será ás 12 do mediodía.

Ese mesmo día pola tarde o traumatólogo en cirurxía ortopédica  e traumatoloxía do Hospital Comarcal de Monforte, Carlos López Otero, dará unha charla sobre as malformacións que se poden producir nos pés. A charla será no salón de actos do Centro Cívico.

 

 

Comisión de Igualdade

O venres, 11 de marzo, ás 12 horas haberá unha nova xuntanza da Comisión de Igualdade. Será na Sala de Xuntas do Concello. O seu obxectivo é o de coordinar, seguir e avaliar as accións recollidas no segundo Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Monforte (2013-2016). Ese mesmo día vaise celebrar unha Xornada Formativa, de capacitación en igualdade dirixida ós políticos e ós técnicos do concello. A formación vaina impartir Eva Martínez Montero, especialista en igualdade.

 

Obradoiro de manexo de dispositivos móbiles

As mulleres interesadas en coñecer un pouco máis en profundidade o manexo dos dispositivos móbiles poderán asistir a un obradoiro os días 14 e 15 de marzo. As clases, impartidas polo informático Alfonso Herrera Carbajo hanse desenvolver na Sala de Actividades do Centro Cívico, no Paseo do Malecón. O número de prazas é limitado, por ese motivo, as persoas que desexen participar deberán inscribirse antes do vindeiro 10 de marzo nas dependencias do Centro de Información á Muller, que está no primeiro andar do Centro Cívico Social. O seu teléfono é o 982 416 350.

Archivos Adjuntos: