A Xunta de Goberno local desta semana deulle luz verde a unha nova ampliación do prazo para poder presentar alegacións ó Plan Especial de Protección do conxunto histórico-artístico da cidade.
Con este acordo daráselle cumprimento ó compromiso do Alcalde, que en reiteradas ocasións afirmara que habería unha ampliación do prazo para que “todos os cidadáns dispoñan do tempo suficiente para analizar e consultar o documento, así como para que realicen as alegacións que consideren oportuno”.
Polo que respecta ó prazo de exposición pública, esta iniciouse o pasado 4 de agosto e estaba previsto que rematase dous meses despois. Pero agora, o equipo de Goberno local decide amplialo, por segunda vez. E finalmente, será ata o vindeiro 16 de xaneiro de 2018.
O Alcalde, José Tomé, destaca que “con este novo prazo, o documento levará en exposición pública 5 meses e medio, é máis tempo do que se fixo en ningún lugar de Galicia”.
Por outra parte, o mandatario local apunta que “ata esa data, cada mércores seguirá habendo un técnico na Sala de Xuntas do Concello ofrecendo asesoramento a todas as persoas que o desexen”.
O Alcalde reitera que “buscamos a máxima transparencia así como ofrecer todas as facilidades posibles para que a xente poida consultar o Plan Especial”.