TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 6 DE FEBREIRO DE 2020

O xoves 6 de febreiro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar unha nova cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2020 en Monforte de Lemos.

A compañía SARABELA TEATRO presenta CRÓNICAS DO PARAÍSO obra de Álvaro Cunqueiro, dirixida por Gonçalo Guerreiro e interpretada por Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fran Lareu, Sabela Gago e Fina Calleja.

 

 

 

 

 

 

 

"…, e porque vexo nos vosos ollos, señor Sochantre, tanta sorpresa como medo, quero asegurarvos de que toda esta compañía, aínda que sexa de réprobos, pantasmas, aforcados e sombras, é un batallón de xente pacífica.”

Unha carroza cargada de maletas, que está a acubillar a misteriosos pasaxeiros, consegue poñerse en marcha e lánzase polos camiños dunha Bretaña imaxinaria. A cuadrilla leva da man, na súa danza , a un sochantre asustado. Queren que toque para as exequias do señor De Quelven. Todos se ilusionan coas melodías do seu bombardino, pois, por un espazo breve de tempo, as notas arrincan aos espectros da súa condición. Pero, que ocorrerá á noitiña? Que ocorrerá cando se durma o sochantre?

Nestas historias mil e mil veces repetidas xúntanse lendas célticas dos reinos de Bretaña e Galicia e traxedias universais. Un universo viaxeiro poboado por bandidos, armas, diñeiro e sangue pero non hai mortes nin ninguén morre, quizáis porque estean todos mortos ou porque o verdadeiro bandido siga eternamente vivo. O poder do diñeiro, a luxuria, a gula, os negocios obscuros colocan aos personaxes en situacións irónicas entre a vida e a morte onde a eternidade acaba por afirmarse como o máis duro castigo xudicial.

“E tampouco vos dixemos que nós, estando mortos, non podemos acender lume en fogar nin entrar en casa onde estea aceso, nin comer pan de trigo, nin cousa algunha que leve sal ou aceite, nin beber viño. Pero agora mesmo imos cara ás ruínas do mosteiro de Saint- Efflam a Terre, e Mamers ten alí, na que foi cociña dos frades, unha pipa de cervexa dobre de marzo e un xamón adobado con pementa que enviamos a asar…”

 

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.