Membros do Equipo de Goberno participan na conmemoración do Día Mundial contra o Cancro de Mama na rúa Cardeal de Monforte

Monforte de Lemos, 19 de outubro de 2024. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, en representación do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañada polo Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada, as concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Muller e Igualdade, Margarita López, Consumo, Regina López, e o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, participaron na mañá de hoxe nos actos de celebración do “Día Mundial contra o Cancro de Mama” que a Asociación Española contra o Cancro en Lugo organizou ás 12 horas na rúa Cardeal de Monforte.

O Alcalde participou, á mesma hora en Lugo, como Presidente da Deputación, nos actos convocados pola Asociación contra o Cancro que se desenvolveron nos xardíns da Mosquera.

No transcurso do acto na rúa Cardeal, organizado por representantes e colaboradoras da Asociación Contra o Cancro en Monforte, unha paciente, Mónica, leu un manifesto con motivo desta conmemoración e levaron a cabo un acto floral, no que a través e macetas con prantas, compuxeron un lazo contra o cancro.

Ademais, dende a Asociación aproveitouse a boa ubicación na céntrica rúa do Cardeal para vender plantas á xente que se achegou pola posto da asociación, unha forma de colaborar coa investigación contra o cancro.

A campaña da Asociación,  #ElRosaEsMásQueUnColor, representa apoio e loita contra o cancro. O rosa non é só unha cor que se ve moito no mes de outubro, o rosa significa investigación no cancro de mama, atención gratuíta a persoas con cancro de mama e as súas familias, detención precoz. 

Grazas a estas campañas conseguíronse grandes avances fronte ao cancro de mama, pero queda moito por conseguir: impulsar unha maior participación en detección precoz, reducir o impacto emocional e social e ter máis investigación en cancros de mama complexos.

O Concello colabora estreitamente coa Asociación Española contra o Cancro en Monforte, coa cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade, e tamén na organización da Carreira contra o Cancro, cuxa última edición celebrouse o pasado mes de setembro de 2024.