O Alcalde asiste ó peche do Festival de Outono, que contou con música en directo dos monfortinos Segunda Parte, e degustación de produtos da Ribeira Sacra

Monforte de Lemos, 9 de novembro de 2024. O Alcalde, José Tomé Roca, participou no peche dunha exitosa edición do Mercado de Outono que tivo lugar ó longo de todo o día de hoxe na Praza de Abastos de Monforte. Estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros e concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Muller e Igualdade, Margarita López, así como a técnica de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello, Trinidad López.

Deste xeito, como peche do Mercado, a partir das 8 e media da tarde tivo lugar unha degustación de produtos de outono e viños da Ribeira Sacra acompañados de música en directo, co concerto acústico do grupo monfortino Segunda Parte. Esta actividade encheu de público o espacio dos Mercados da Praza de Abastos, e supuxo un exitoso colofón a toda a xornada.

O Mercado de Outono, organizado polo Concello de Monforte, contou con afluencia constante de público ó longo de todo o día, que puido adquirir produtos de outono ofertados por 15 postos de venta directa: castañas, cogumelos, noces, mel, viños… así como os produtos elaborados cos mesmos: doces, marmelos, licores….. ademais de embutidos e queixos galegos, xabóns, cosmética natural ou artigos únicos como lámpadas de cabazas ou bixutería e complementos.

Ademais, todas as actividades do programa completaron o seu número de prazas, dende o Obradoiro de decoración de cabazas e estampados do outono para nenos e nenas, coma o Pintacaras tenebroso, o Contacontos coa narradora Ángeles Goás titulado “Caldo con unto e ósos de defunto”, e o Showcooking Otoñal, que repartiu máis de 100 tapas elaboradas con setas, castañas e outros produtos de outono.