O Alcalde informa de que nos vindeiros días procederase á devolución dos recibos correspondentes o último trimestre de 2024 ós usuarios da Piscina municipal de Monforte


Foto de arquivo: O Alcalde de Monforte presenta a renovación integral da Piscina municipal 20-03-2024

Monforte de Lemos, 26 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que nos vindeiros días procederase, dende os servizos económicos do Concello, á devolución dos recibos da Piscina municipal ós usuarios e usuarias que os domiciliaron ou pagaron anual,  semestral ou trimestralmente as cotas da mesma.

Tal e como anunciou o rexedor monfortino a finais do mes de setembro, dende o 1 de outubro produciuse a parada temporal do servizo da Piscina municipal de Monforte polo inicio das obras para a súa mellora integral. Cando rematen as obras, a Piscina municipal de Monforte volverá a abrir totalmente renovada, sendo unha piscina practicamente nova.

Deste xeito, o Concello procederá á devolución das cotas correspondentes ós meses de outubro, novembro e decembro de 2024 a aqueles usuarios que xa as fixeran efectivas previamente ó peche temporal da piscina.

Cabe recordar que o rexedor monfortino dera a coñecer, o pasado mes de marzo, o proxecto de renovación da Piscina municipal de Monforte, “unha obra de moita envergadura como é facer unha piscina practicamente nova, deixando solo parte da estrutura”. Unha piscina que terá unha imaxe semellante ao novo Pavillón polideportivo de A Pinguela, para manter a harmonía do entorno.

A renovación total da Piscina municipal conta cun investimento millonario, de 2.047.009,42 €. Esta importante actuación enmárcase, tal e como indicou no seu día José Tomé, “no meu compromiso como Alcalde é transformar e mellorar o Concello de Monforte e todas e cada unha das súas vertentes, chegando ás parroquias e a todos os barrios, como vimos demostrando coa nosa xestión ao longo destes 9 anos de Goberno, e neste caso mellorando de xeito integral unha infraestrutura deportiva moi utilizada na nosa cidade”.

As obras van supoñer un cambio absoluto das instalacións, cambiando practicamente todo: a entrada, a cafetería, o ximnasio, os vestiarios ou os propios accesos interiores á piscina. Todo elo cunha nova imaxe externa e interna, facendo das novas instalacións unha dotación realmente bonita.

“Logo da reforma”, salientou José Tomé, “os monfortinos e monfortinas contarán cunha piscina moderna, segura, eficiente, sostible e en estado óptimo de utilización”.

José Tomé explica que unha das zonas da cidade que tivo unha transformación moi positiva é a zona da Pinguela, coa mellora das súas rúas, o novo parque Covas-Pinguela, o novo pavillón de deportes, a mellora de todo o espazo destinado para estacionamento, así como a dotación de iluminación para estes estacionamentos ou as melloras do Campo de Fútbol.

“Esa parte da cidade”, subliña o rexedor monfortino, “mellorou moitísimo a súa calidade residencial, pero isto ímolo completar co arranxo integral da Piscina municipal, que igual que ocorreu co pavillón imos facer unha piscina practicamente nova”.