Edgar Amando Cloos Fernández, Pregonero de las Fiestas Patronales de Monforte 2023

Monforte de Lemos, 11 de agosto de 2023.  

El monfortino Edgar Amando Cloos Fernández, pregonero oficial de las Fiestas Patronales de Monforte de Lemos 2023, dio el pistoletazo de salida a los festejos del Ayuntamiento de Monforte que se extenderán hasta el 16 de agosto.

Tras firmar en el Libro de Honor del Ayuntamiento, leyó su emotivo discurso en una plaza del Campo de San Antonio repleta de gente, y acompañado por el Alcalde, José Tomé Roca, los miembros de la Corporación Municipal, diversos alcaldes del entorno, autoridades, familiares, amigos y muchos monfortinos y monfortinas.

En su pregón, Edgar Amando repasó sus vivencias en Monforte, de su familia y amigos, así como la historia de la ciudad, de la que su padre fue alcalde, y un sinfín de anécdotas que hicieron las delicias de todo el público que lo escuchó.

Tras la lectura del pregón, el Alcalde le entregó una réplica de la Torre del Homenaje de San Vicente.

 

   

A continuación reseñamos su discurso completo:

 

PREGÓN DE LAS FIESTAS PATRONALES DE MONFORTE DE LEMOS 2023

D. EDGAR ARMANDO CLOOS FERNÁNDEZ

Monfortinas, monfortinos, xentes que nos visitades:

Ao igual que sucedía cos “praecones” dos romanos ou os pregoeiros de séculos pasados aquí está este pregoeiro, sen trompetilla e sen que as miñas palabras comecen co: “de orden do señor alcalde faise saber…” Senón que estas han ser as reflexións dun monfortino ata os osos, certo que estes dunha perna un tanto maltreitos.

Non podo máis que sinalar a honra que para un monfortino coma min supón poder dirixirme, neste alumeamento das nosas festas patronais, aos meus veciños e a tantos visitantes que, agora e nestes días, se han ver inmersos nun sen fin de músicas, troulas e xogos que dan comezo no día de hoxe.

Un elemental principio de honestidade e bonhomía débeme levar a poñer de manifesto o porqué  eu sexa, este ano, o pregoeiro destas festas patronais da miña cidade, do meu pobo.

Así teño que dicir que xa fai moitos anos o entón alcalde Severino Rodríguez e a concelleira Pepa Vega Buxán, se dirixiron a min para desempeñar a función que estou a realizar hoxe, o honrosísimo cargo de pregoeiro das festas patronais de Monforte. Eu, con gran dolor do meu corazón pero seguindo a senda profesional que me tiña trazado de sempre, dixen que non porque eu, que nun tempo pasado e hoxe case que esquecido, era xuíz, quería  pasar desapercibido na miña relación co mundo social. Quizais tivera unha visión decimonónica desa profesión, pero en todo caso era a miña.

Posteriormente o novo goberno do concello de Monforte, liderado por José Tomé, reiteroume que pensaran en min co mesmo honor de pregoar as festas patronais da miña cidade. A negativa tíñase que reiterar por cuanto que a miña situación profesional seguía sendo a mesma.

Agora, apartado do exercicio la xurisdición, o Alcalde tivo a delicadeza de reiterarme a proposición e eu agora, que xa me vexo libre daquelas restricións mentais e profesionais que tiña, e que quizais foran atávicas, aceptei, con moita honra e ledicia, este nomeamento que ven a ser unha das ocupacións máis entrañables da miña vida.

Eu son fillo, esposo, pai, irmán e tío de monfortinos. A miña vida estivo e está enraizada profundamente en Monforte, a onde non deixei de vir con moita periodicidade estivera traballando en Cataluña, nas Rias Baixas ou en Lugo.

O meu máximo orgullo, imposible de escindir pola procedencia, é a miña familia, que tamén é a de Mariel, a miña muller, e todos estamos impregnados dese monfortinismo do que falo.

O único membro da miña familia que non era monfortina era a miña nai, que era alemá de orixe, pero que exercía de monfortina ata as entrañas e que tivo algunha liorta familiar co noso pai cando a D. Guillermo lle ofrecían algún destino fora de Monforte e ela dicía que onde ían estar mellor que en Monforte

Con este exordio quero dicir que para min Monforte é o lugar onde afortunadamente nacín e, como di Serrat, “sabe el hombre donde nace y no donde va a morir”. Eu evidentemente non sei onde ei morrer, pero si sei que a terra hame de ser leve no noso cemiterio municipal.

O meu pregón vai estar vinculado á nostalxia e ás lembranzas e, como dicía Rainer María Rilke “a patria do home é a súa infancia”, eu, como Max Aub, teño sostido que, máis que na infancia, a patria radica no  lugar onde se fixo o bacharelato. No meu caso coinciden eses dous supostos e, polo tanto, resulta evidente que esta é a miña patria.

O escritor monfortino Antón Lopo, ten dito a frase de que “a veces lembro o que non sucedeu” e, ao mellor, todos estes recordos que vou relatar son fabulados, pero coido que non.

Neste ámbito de lembranza e nostalxia compre recordar que andados os anos cincuenta do século pasado naceu un neno, e este rapaz viviu a súa infancia e xuventude no barrio da  Pena, en Dr.  Casares, con veciños tan insignes por monfortinos como, o primeiro e principal, Manolo Chotán, un zapateiro de gran cultura e coñecementos e que era como o pedáneo do barrio. No seu taller, no que tamén traballaba o seu sobriño Tito, se desenvolvían charlas e faladoiros de todo tipo, fundamentalmente futboleiras pero tamén políticas dentro do que cabía si pensamos que estou falando dos anos sesenta e setenta do século pasado. Esa foi a miña primeira escola de tertulias ou faladoiros, que agora tanto me gustan.

Manolo Chotán tiña tanta autoridade moral no barrio que ao meu pai, que era o Alcalde da cidade naquel tempo, lle dicía: morreu fulano en tal barrio, o enterro é esta tarde en tal parroquia. O meu pai contestaba: Si, pero eu non o coñecía. Chotán repostáballe: pero vostede é o alcalde e ten que ir; e o bo era que o meu pai ía. Supoño polo ben do Sr, Alcalde que esta obriga -tan extrema- non subsista.

Fronte da casa onde vivía ese rapaz había unha cuchillería e colchonería, este oficio de colchoneiro era imprescindible cando os colchóns eran de lá e había que espelilos e lavar a lá, ciencia seguramente hoxe esquecida ou descoñecida para a maioría dos oíntes deste pregón

Ademais da zapatería, outro lugar no que eu teño pasado moitas horas era a ferraxería Cachaldora, establecemento que actualmente aínda existe de maneira moi próspera, e onde, con quen era fillo dos titulares e que despois pasou a ser titular, Berto, teño pasado moitos tempos de contos e, incluso, teño axudado a despachar. Tamén estaba a tenda de alimentación do Parada, o reloxeiro Catarrillo, nome bonito onde os haxa, ao marxe de connotacións de pequena enfermidade ou de son próximo ao entón secretario xeral do moi proscrito “Partido Comunista”. Máis adiante había un local onde collíanlle os puntos ás medias, que nunca cheguei a saber moi ben o que era iso, e onde eu ía de mandadeiro en moitas ocasións. E xa na curva, o establecemento de Baldomero, “huevos harinas y coloniales” de quen se coñeceu un telegrama que deu lugar a moitas chanzas e que dicía: “Baldomero si tienes huevos sal a la estación“  –que era una comunicación estritamente  mercantil pero que deu lugar a outro tipo de interpretación-.  E fronte con ese establecemento a casa onde vivía o carteiro e os seus múltiples fillos, algún deles, ao longo da vida, entrañables amigos meus.  Xoán, Xaneco e Luís, Mioca, entre outros.

Este rapaz, nacido nos anos cincuenta do século pasado, primeiro foi aos PP. Escolapios, onde recibiu un tipo de ensino que non era do seu gusto, nin polo represivo ni polo despectivo respecto de clases sociais ou conductas sexuais, -teño que dicir  que non me cabe a menor dúbida, pois me consta por alumnas familiares miñas, de que o actual colexio dos Escolapios non ten nada que ver con ese reprobable pasado-,   logo o rapaz pasou a estudar, os catro últimos cursos de bacharelato, no Instituto de Monforte, único existente naquel momento, e que é o que hoxe se denomina IES Río Cabe, no que, por certo, neste mes de xuño de 2023, tiven a honra de apadriñar aos alumnos que brillantemente se graduaron neste curso; a estadía neste Instituto, público, xa supuxo, en primeiro lugar, que aquel rapaz tivera ocasión de recibir un tipo de ensino máis axeitado, didáctico e impartido por profesores que tiñan as correspondentes titulacións e especialidades. Tamén agromou un mundo no que, nun centro de educación mixto, ese rapaz, de apenas catorce anos, pasou a ter relación de igualdade e camaradería coas rapazas compañeiras de clase. Foi a apertura a un mundo novo, máis variado e, desde logo, máis bonito.

Ao concluír o bacharelato o rapaz marchou para Santiago de Compostela, única Universidade existente en Galicia  -todo era único naquel tempo--  pero seguiu tendo o domicilio en Monforte e pasando nesta cidade os marabillosos veráns que tiñan como cénit a chegada destas datas, as de celebración das festas patronais.

Aquí tiven os amigos de sempre cos que, a pesar de transcorrer o tempo sen contacto, teño confraternizado de inmediato, e así segue ocorrendo despois de tantos anos, o que levaba e leva consigo charlar e poñerme ao día das novidades da cidade nos últimos meses ou semanas, con dúas desaparicións recentes destes enclaves ou enraizamentos como eran os meus moi queridos Paco, “pacón”, e Pedro, pedrito, Luaces. Amigos de verdade e dos de sempre.

Os meus recordos, e os da miña xeración, e seguramente as de todos os monfortinos, xiran  ao redor dos veráns de idas e voltas ao río. Monforte si que era unha cidade que vivía cara ao río. Así primeiro no malecón, coas súas pedras pasadeiras inmediatas á presa, que cruzaban onde o recanto, desde o malecón a Ramberde, onde nos bañabamos e onde, na inmediación da fermosísima e medieval ponte vella, puñamos ladrillos para que, nos buratos, aniñaran os cangrexos de río agora tan valorados e que, pasado o tempo, recollíamos. Primeiro os encoros do río e posteriormente, moi posteriormente, o encanamento (encauzamento) do Cabe no 2003 que evitou as inundacións casi  anuais, determinaron que o río xa deixara de ser practicable para uso e baño nesa parte do malecón.

Despois os baños foron apartándose do centro da cidade e dirixíronse cara ao caneiro, onde, xa entón, os monfortinos comezamos a coñecer a existencia de mexillón de río, que os pequenos levabamos as nosas casas e que, polo menos a miña nai, dicía:  “qué porquería traes aí” e, de feito, os mexillóns ían ao lixo. Neses paraxes é onde, actualmente e desde fai moitos anos, está instalado o club fluvial de Monforte.

Outro lugar dos nosos baños eran os pocillos, onde o baño se vía potenciado con merendas e grupos ou pandillas que xogabamos a unhas ou outras cousas e que, co paso do tempo, íamos mirando cara as persoas que empezaban a facernos o que, por entón e con expresión que hoxe resulta un pouco ridícula, se dicía “facer tilín”.

Curiosa desde logo era a tradición monfortina  de inicio á natación, que consistía en que as xeracións algo maiores se encargaran de ensinar a nadar aos máis neófitos e que estribaba en que, comigo foi nos Pocillos, tiraran ao rapaz, -neo catecúmeno-  que non sabía nadar, a un lugar onde a auga cubría, non se facía pé; é certo que coa seguridade de que alí estaban esperando os “maiores” para ver o que pasaba, e así o pequeno que se vía no río profundo non tiña outra posibilidade que saír por si mesmo. Estas eran as clases de iniciación a natación. No meu caso o que me tirou foi o falecido Luis Castro Bolaño, o Pataca, e os que estaban en función de instrutores de seguridade ou “vigilantes de la playa” eran Chechu Pereiro e Paquico Ayres.

Tamén os rapaces facíamos incursións a bañarnos en Vilanova, aínda hoxe unha paraxe fermosísima, para desfrutar do noso río Cabe.

O río sempre estivo moi integrado en Monforte e os monfortinos, diría que de todas as idades pero fundamentalmente os rapaces, tiñamos as nosas vidas ao redor del. Nel, nas festas patronais, había competición de waterpolo, campionatos de pesca de ciprínidos (nunca souben moi ben que tipo de peixe era este) e os tradicionais e multitudinarios fogos de río que aínda persisten e que tamén nestas festas de 2023 teremos ocasión de presenciar.

En moitas das casas que daban ao rio os seus propietarios tiñan barcas, das que desfrutabamos os amigos dos titulares das mesmas, máis ou menos como o que agora se fai cos amigos que teñen piscinas.

Na nosa casa paterna hai unhas estrofas dedicadas ao río Cabe que non me resisto a reproducir: Eu son desta  terra nosa / onde o Cabe serpentea/ entre campos e arboredas/ eu son deste noso val/ as terras de Lemos/ onde somos nados.

O período de festas dos barrios da nosa cidade comezaba coas de San Antonio, que coincidían co fin de curso, logo as de San Pedro na Pena, as do Carme na Estación, por non falar das de San Lázaro en Carude, as de San Xoán nos Chaos, as de Santa Lucía en Ramberde. Podedes ver que os monfortinos sempre fomos moi festeiros.

Pode ser que como consecuencia desa profusión das festas, en Monforte tamén houbera moitos conxuntos musicais, están no meu recordo Os Kawes, Os Horreos, os Camons, Os Sauces, seguramente habería máis pero eu non me lembro. Incluso teño que recordar que eu fixen algún escarceo de vocalista en algunha das verbenas das proximidades a Monforte.

Tamén tiñamos en Monforte a uns humoristas autóctonos, na esfera do que en España eran Tip y Coll, que eran Ramón da Auga e Chispa.

O que ven a conto respecto do enclave de localización das festas patronais é o que se refire a inmensa lonxa existente fronte ao colexio da Compañía e que veu substituír ao que, con denominación polisémica, chamabamos “polvorin” pois, no que hoxe é esa inmensa praza, era o campo da feira e, por estas datas de agosto, o lugar onde se celebraban os bailes nas festas patronais o que, como o chan era de terra, daba lugar a que se levantara unha inmensa morea de polvo cos xiros dos bailes xuvenís, e de aí que a palabra polvorín ben se puidera referir a esa polvareda ou ben a outra valoración máis sensual de tal expresión que, en moitos casos, incluía a pretensión de que os bailes tiveran a conclusión con esa segunda acepción máis erótica da palabra polisémica da que falabamos, o que -temos que recoñecelo-  poucas veces ocorría. O que si había de ordinario era unha extraordinaria acción de forza ximnástica dos rapaces que, nos bailes, pretendíamos arrimarnos ás nenas e estas, non sei si de xeito voluntario ou por ensinanza da igrexa e da sección feminina, e para non resultar chicas fáciles, poñían o efecto palanca-insalvable cos cóbados que impedían a aproximación dos corpos ata que, é certo, en algún momento e logo de bailes reiterados, en algún caso, conseguiamos salvar esa forte barreira de brazo, case que insuperable, e bailar de xeito algo máis aproximado e “gustoso”.

Houbo un tempo no que había actuacións gratuítas, as que se facían no “polvorín”, e actuacións de pago, as que eran na pista do xardín, recinto pechado. Como consecuencia dunha revolta, fundamentalmente xuvenil, o Concello viuse na obrigación de eliminar esas diferencias no desfrute das festas, o que desde entón persiste como o poderedes comprobar no desfrute das moi boas actuacións, todas de balde. Aquel foi o triunfo dunha revolución, cando menos “pseudopoular” e xuvenil.

Aquel rapaz coñecía a personaxes entrañables desa época e en moitas ocasión obxecto de bromas ou chanzas por apartarse, na súa forma de vivir, do que era a norma imperante na época, así desde o Recho, que era un home que traballaba a xornal, ao Cosco, que era un repartidor de carbón e que como ía case sempre tisnado de negro facía bromas con manchar aos pequenos, con gran xúbilo dos nenos.

Outro tanto o Jopy experto no mundo do deporte, así como o Herrera.

Mención aparte merece Arsenio, 108 botóns, que era capaz de cantar unha rancheira ao mesmo tempo que dirixía o tráfico nun cruce, e que faleceu en tristes circunstancias.

Todas estas son persoas a incluír no ámbito do que conformou a vida da sociedade monfortina nunha determinada época.

A Felipe Aira, historiador local  e a quen consideramos o verdadeiro cronista da cidade, témoslle que agradecer as súas publicacións que poñen de manifesto a moi rica historia, desde a medieval á contemporánea, da nosa cidade.

Voulle ofrecer sen ánimo de historiador, senón de vividor e bebedor con moderación, a historia dalgúns dos que, na nosa xuventude, foron os máis característicos centros sociais, de reunión e convivencia como eran, e coido que son, os bares, tascas ou tabernas de Monforte:

Do Espía e ao marxe das riquísimas empanadillas, aquí chamadas zocas, que non tiñan máis que cebola e un moi escueto anaquiño de carne pero que estaban riquísimas, vou contar sendas anécdotas do moi simpático Luis Espía. Nunha ocasión íanlle ofrecer unha máquina de cortar embutido e dixo, non hai máquina que poida cortar máis fino o chourizo ou o salchichón do que o corto eu. Noutra ocasión estaba un grupo ou pandilla de clientes, que ían tódolos días ao bar, e Luis díxolles: están invitados por aquel señor do fondo, e os clientes miráronse entre eles e ninguén  coñecía ao que invitaba, entón dixéronlle a Luis será unha equivocación que nós non o coñecemos, e o taberneiro contestou: e que el, que é forasteiro, tampouco sabe que os invitou a vostedes. -Coñécese que os precios eran moi limitados-.

O Retiro con comidas que eran riquísimas, pero coa carta resumida  a tres ou catro ofertas. Nunha ocasión foi unha pandilla a xantar e todos pediron dentro das catro cousas que sempre tiña o bar preparadas para comer;  pero houbo un que pediu uns ovos fritidos con patacas e, como todos estaban xa servidos menos o dos ovos,  ao preguntarllo polo moito retraso Manolo, o do bar, díxolle: “é que vostede pide unhas cousas tan raras”.

O Katanga, aínda agora persistente si ben que con outra dirección e outro ánimo máis afectuoso e xovial, era un bar cun propietario, gran profesional pero un pouco canso de aguantar a tantos rapaces que íamos máis que nada a dar a lata. Así vou dar un exemplo de taberneiro veterano e bo profesional: íamos unha pandilla dunhas quince persoas, rapaces e rapazas co que iso leva consigo de excitación. O taberneiro, Pepe, recitounos as tapas: “volando,  pataca rellena, empanadilla…” nos pedimos cada un a súa tapa. Pepe estivo moi atento ás solicitudes; chegou á cociña e dixo: “quince tapas variadas”.

Na estación O Currelos cunhas tapas exquisitas e unha extrema celeridade de xeito que, si ías xantar, aínda estabas pedindo a comida e xa traía o pedido; tamén na estación  A Rosa onde había a tradición de que cada un tiña que lavar o seu vaso. Así mesmo, como bares, o Galicia e o España, este último ao que acudiamos a tomar o chocolate con churros nas noites de festa que, por entón, era cando se saía de farra.

Houbo en Monforte unha importante sala de festas, Marycielo, moi concorrida e onde, temos que recoñecelo humildemente, coas rapazas monfortinas triunfaban máis os ourensáns, que acudían en gran número, o que, en moitas ocasións, e como os monfortinos non aceptabamos esa derrota amorosa, iso levaba a algunhas algaradas ou enfrontamentos físicos. Nunca a cousa chegou a maiores.

Na rúa Hortas houbo un lugar icónico para dúas ou tres xeracións e foi o bar e, sobre todo, discoteca Sésamo: con dúas frases de promoción en posavasos: “Si quieres ligar en Sésamo te espero a bailar”. “Te espero en Sésamo vida mía”. Cantas parellas se conformaron e iniciaron os seus escárceos amorosos nese local. Qué emoción cando chegaban as lentas naquela penumbra¡¡¡ Cando abriu o bar, que foi o primeiro moderno e con aires de bar de capital, o propietario tivo a singular e magnífica idea de colocar na parede da barra un precioso mural de Xabier Pousa que alí estivo durante moitos anos, ata que se decidiu retirar sen que a cidadanía de Monforte tivera reacción ningunha de protesta ao respecto, fronte ao que si que ocorreu fai un século cando os Escolapios venderon un cadro de Van der Goes ao museo de Berlín o que ocasionou unha singular controversia non xa  solo local senón a nivel español. Se ve que no tema de reivindicacións artísticas os monfortinos somos cada vez máis laxos.

O Bar Capitol era senlleiro polos seus combinados, sangría principalmente, e polas súas deliciosas tapas, que si eran de olivas recheas a tapa non eran nin unha nin tres senón dúas, e si saían tres unha se retiraba. Amabilísimo o seu propietario Amando.

A relación, obviamente, no é exhaustiva pero coido que si descritiva e en todo caso, reitero que me someto a un máis profundo estudio por parte de Felipe Aira. Pero todo canto está relatado é vivido e real.

En relación coas festas e cos foguetes que se botan nas mesmas tamén é de tráxico recordo o que ocorreu en agosto de 1984. A explosión da pirotecnia Zapardiel sita na rúa San Pedro e que supuxo unha deflagración moi importante que a todos nos sorprendeu e asustou, así como  o triste falecemento dalgún dos operarios e que nos conmocionou e influíu no ánimo co que enfrontamos as festas dese ano.

Xogabamos na rúa polo día e pola noite,  -as noites de Monforte que envexadas en Lugo¡¡¡-,  e si estabamos  xogando no momento en que pasaba o coche de correos, do cardeal á estación, pois se interrompía o xogo e logo seguiamos.

Moitos afeccionámonos ao cine, na súa fase esplendorosa, en calquera dos cines: Capitol, cun ambigú que daba ao bar ao que antes xa nos referimos, Teatro Lemos ou Fraternal. Tamén os cines, escuros ou con claroscuros sinuosos, se prestaban aos clandestinos devaneos amorosos da xuventude.

Cando sexa o día da Virxe, e os fieis acudan á procesión, iso vainos levar a rememorar un feito que sucedeu cando un dos carrexadores da imaxe da patroa, a Virxe de Montserrat, comezou a blasfemar respecto da Virxe e cando lle dixeron o contraditorio da súa actitude de que a un mesmo tempo fora levando aos ombreiros á Virxe de Montserrat  e blasfemando contra a Virxe en xeral, el contestou: “pero é que esta é a nosa”. Non sei se ao respecto tivo algo que dicir don Benigno, párroco da Régoa e personaxe non moi dúctil ás novidades, nin ás litúrxicas nin ás morais.

En todo caso esa expresión de que “é a nosa”, supón un criterio de pertenza ao grupo que nos abrangue e irmá aos monfortinos, uns cos outros, cando estamos na cidade e, sobre todo, cando nos atopamos fora da cidade.

O noso Alcalde ten merecida fama de asfaltador de todos os camiños e vías de comunicación do territorio do Concello. Agora, quizais porque está a piques de ter culminada toda esa beneficiosa ansia de asfaltar, parece que pretende cambiar de material e pásarse á area e así prométenos aos monfortinos una praia fluvial de considerables dimensións, en lugar non determinado pero que, como se empeñe e sexa legalmente posible, non vos caiba dúbida que imos vela nun par de anos, non sei se con ondas ou sen elas, pero seguro que con area en abundancia.

Xa para rematar e para que non se perda no coñecemento popular vou cantar unha canción que debe estar datada a finais o S. XIX ou principios do XX, pensemos que xa había ferrocarril e que este chegou a Monforte en 1883, pero que, en todo caso, ensinouma a miña avoa María:

De Monforte a Madrid...

Ao igual que dixen referido aos de antes e actuais aos Escolapios, tamén aquí teño que dicir que estas coplas, afortunadamente, non poderían, ser dirixidas ni a esta Corporación, recentemente elixida, nin ás anteriores da miña acordanza.

Moitas gracias por darme a ocasión de realizar estas lembranzas e  coido que sería convinte e posible, organizar algún tipo de exposición, fotográfica  ou documental, de datos ou coñecementos que, por nós mesmos ou polos nosos maiores, tiveramos os monfortinos, ao que excito ás persoas dedicadas a iso.

Así que este pregoeiro remata dicíndovos a monfortinos, monfortinas e visitantes: desfrutade da troula que se abre esta mesma noite, recorrede o que o noso pobo vos ofrece de belezas monumentais e paisaxísticas, de belezas persoais, da gran cantidade de actuacións, xogos e grupos musicais de moita sona, que de forma gratuíta bríndansenos nestas festas patronais de 2023.

Desfrutade de Monforte.

Moitas gracias a todos.

Viva Monforte¡¡¡¡

Vivan as Festas Patronais de Monforte¡¡¡¡

 

 

                            11 de agosto de 2023