Actividades

XXVIII CONCURSO DE DESEÑO DE CARTEIS FESTAS PATRONAIS 2023

O Concello de Monforte convoca o XXVIII CONCURSO DE DESEÑO DE CARTEIS FESTAS PATRONAIS, co fin de escoller o cartel anunciador das FESTAS PATRONAIS de Monforte de Lemos do ano 2023.

Haberá que participar con obras de creación propia, orixinais e inéditas. A técnica e o formato será libre sempre que sexa apta para a reprodución mediante cuatricromía.

Os deseños deberán incluír o texto MONFORTE DE LEMOS FESTAS PATRONAIS do 11 ó 16 de agosto 2023, distribuído do xeito que escolla o autor/a.

A entrega de orixinais realizarase persoalmente ou por correo no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende a data da convocatoria ata o 3 de maio de 2023. Non se aceptarán aquelas obras que leven cuño de correos con data posterior.

As obras non levarán o nome do autor/a de maneira visible e presentaranse nun sobre asinado con pseudónimo, debendo acompañar noutro sobre pechado todos os datos persoais do autor: nome, enderezo postal completo, teléfono e enderezo de correo electrónico.

Establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2023 e dótase cunha cantidade de 1.000 euros, impostos incluídos.

O cartel que reciba o premio quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos. A propiedade intelectual do traballo gañador corresponderá ó/á autor/a, non obstante a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, os informáticos, os multimedia e os telemáticos. O Concello de Monforte poderá exercer os seus dereitos libremente, sen limitacións de tipo temporal ou territorial, sen que en ningún caso sexa necesaria a autorización do autor, que non terá dereito a ningún tipo de remuneración, percepción, participación, compensación nin indemnización por razón de ese exercicio nin da cesión de dereitos.

Queda autorizado expresamente o Concello de Monforte para divulgar o traballo gañador na forma e polos medios que considere máis oportunos e poderá exercer os seus dereitos sobre un fragmento ou parte do traballo, podendo adaptalo se fose necesario.
 
O gañador/a do concurso entregará tamén unha copia do cartel en formato dixital e incluirá os diferentes logotipos facilitados polo Concello de Monforte e se é o caso das entidades patrocinadoras.

O cartel gañador e unha selección dos mellores traballos presentados, selección realizada polo xurado, quedarán temporalmente en poder da Delegación Municipal de Cultura para realizar unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Unha vez rematada a exposición serán devoltos aqueles que sexan solicitados polos seus autores. Os autores responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas.

O xurado do concurso estará composto por:
PRESIDENTE: A Delegada de Cultura ou persoa á que designe.
VOGAIS: Persoas de diferentes ámbitos sociais, educativos e culturais de Monforte de Lemos.
SECRETARIO: O técnico de cultura do Concello de Monforte, con voz e sen voto, que certificará o cumprimento das condicións establecidas nas bases do concurso.

A decisión do xurado farase pública o luns 10 de maio.

CRITERIOS DE SELECCIÓN E VALORACIÓN PUNTUACIÓN MÁXIMA
-TEMÁTICA E RELACIÓN COA CIDADE DE MONFORTE E AS SÚAS FESTAS -30 puntos
-MELLOR DESEÑO GRÁFICO -30 puntos
-TRATAMENTO DAS CORES E TIPO DE LETRAS -20 puntos
-DIFERENTES USOS DO TEXTO E DAS IMAXES -20 puntos
-CALIDADE TÉCNICA -20 puntos
-CALIDADE ARTÍSTICA -20 puntos
-IMPACTO VISUAL -20 puntos
-CREATIVIDADE -20 puntos
-ORIXINALIDADE NO DESEÑO DA MONTAXE -20 puntos

A participación no Concurso implica a total aceptación das presentes bases. A súa interpretación corresponde exclusivamente ó xurado, o cal poderá deixar deserto o premio establecido. En caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente do xurado.

O aboamento do premio será tramitado polo Concello de Monforte de Lemos, a través dunha transferencia bancaria. Previamente ao/á gañador/a do concurso seralle requirida a presentación do certificado bancario cun número da conta do titular.

Non poderá realizarse o pagamento mentres o beneficiario non se atope ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa seguridade social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Contra a resolución definitiva que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante a Xunta de Goberno Local no prazo dun mes, se o acto foi expreso ou de tres meses, ou ben directamente o recurso contencioso - administrativo, no prazo de dous meses, perante o Xulgado co Contencioso- Administrativo de Lugo.

No non previsto nas presentes bases estarase ao disposto na ordenanza xeral reguladora da concesión de subvencións municipais e de xeito supletorio na Lei 38/2003 do 17 de novembro, Xeral de subvencións, no RD 887/2006 de 17 de novembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e na Lei 9/2007 do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

Archivos para descarga:

Bases

XXX CERTAME MUNICIPAL DE TEATRO PARA CENTROS DE ENSINO DE MONFORTE

A Delegación de Cultura do Concello de Monforte convoca a celebración do XXX Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte 2023.

O Certame terá lugar do 13 de abril ó 3 de maio de 2023 na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro ás 20:00 h.

Poderán participar todos os centros de ensino de Monforte de Lemos representando unha soa obra de teatro, así mesmo tamén poderán participar como invitados outras asociacións ou colectivos locais despois da correspondente petición e da aceptación por parte da Delegación Municipal de Cultura.

As solicitudes de inscrición para a participación no certame presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte. O derradeiro día para realizar a inscrición é o 17 de marzo.

Todos os participantes no Certame pertencerán obrigatoriamente ó centro ó que representan. As datas da posta en escena das obras, serán determinadas pola Delegación Municipal de Cultura e os centros de ensino nunha reunión o 22 de marzo no Concello de Monforte de Lemos, ás 12:00 h.

O Concello colaborará cos centros de ensino participantes aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 100 euros. Os premios consisten na gravación en DVD das obras representadas que serán entregadas ós centros participantes, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.

As obras que representen os centros de ensino terán unha duración mínima de media hora e deberán ser estreadas no certame. A entrega de premios será no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o 10 de maio ás 18:00 h.

Bases 2023

REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS -MONFORTE DE LEMOS programación primeiro semestre 2023

O Concello de Monforte de Lemos ao igual que en anos anteriores, en 2023 seguirá integrado na Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia /AGADIC-GALESCENA o que leva consigo a realización de actividades vinculadas a dita rede no ano 2023.

No primeiro semestre deste ano teremos a oportunidade de asistir a seis representacións de compañías profesionais, unha para os máis pequenos e cinco para o público adulto. A obra infantil poñerase en escena no mes de maio mentres que as dirixidas ó público adulto representaranse de xaneiro a maio.

Programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios 1º semestre 2023:

Programación Adultos:
-IBUPROFENO TEATRO  con  SMOKE ON THE WATER  26 de xaneiro
-FULANO MENGANO E CITANO  con  A LOUCA HISTORIA DE GALICIA 16 de febreiro
-OLIVAS NEGRAS  con DOCE UVAS, DÚAS MULLERES E UNHA OLIVA 9 de marzo
-CULTURACTIVA   coa obra  CONEXIÓN PINGÜÍN  20 de abril
-REDRUM TEATRO  con UN HOME CON LENTES DE PASTA 4 de maio

Programación infantil:
-BAOBAB TEATRO coa obra  O LOBO E A LÚA  domingo 7 de maio

As representacións levaranse a cabo no Edificio Multiusos, as infantís ás 18:00 h e as de adulto ás 20:15 h. O prezo da entrada xeral será de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.