Guía para o Control parental de Videoxogos
O mundo dos videoxogos cambiou de forma vertixinosa. Ademais de chegar progresivamente a un abanico xeracional máis amplo, evolucionou con celeridade nas súas propostas sendo un dos sectores dixitais máis dinámicos. Á cada vez maior calidade técnica dos títulos, compasada cuns dispositivos máis eficientes e un maior ancho de banda, hai que engadir tanto o seu crecente compoñente social como a evolución nos seus modelos de negocio e monetización.
Este dinamismo achéganos novas oportunidades (lecer, aprendizaxe, diversión, cultura, socialización…) e tamén retos renovados (contidos inadecuados, contacto con persoas nocivas, uso abusivo…). En consecuencia, a mediación parental, que inclúe a xestión do control parental, faise máis necesaria e quizais máis complexa.
A presente guía está concibida como un manual de apoio para que as persoas adultas responsables poidan coñecer os elementos básicos relacionados co consumo saudable de videoxogos por parte dos e das menores. Identificar os aspectos clave da mediación parental neste ámbito implica necesariamente coñecer máis acerca dos videoxogos, pero tamén acerca dos dispositivos e plataformas nos que se utilizan. Así, este documento serve de guía para a toma de decisións relacionadas co establecemento de medidas e funcións de control parental.