Actualidade

Exposición “La Edad de Oro de los Judíos de Alandalús” Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do 5 ó 28 de marzo de 2025

"La Edad de Oro de los Judíos de Alandalús” exposición organizada polo Concello de Monforte como membro da "Red de Juderías de España" 

Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do 5 ó 31 de marzo de 2025.

A mostra abre as portas da vida cotiá dos xudeus de Al-Andalus, nunha das súas épocas de maior esplendor. A comunidade xudía de Al-Andalus foi unha das máis prósperas de todas as que habitaron na Península Ibérica durante a Idade Media. Nomes de diplomáticos como Ibn Shaprut, poetas como Ibn Gabirol ou Judá Haleví, ou pensadores como Maimónides aínda resoan no imaxinario colectivo, ademais de ser figuras moi relevantes e presentes no mundo xudeu contemporáneo. Este esplendor cultural estivo sempre ligado á bonanza económica derivada das redes comerciais mediterráneas consolidadas pola dinastía omeya durante o seu reinado de case tres séculos en Córdoba e explotadas polas taifas e os soberanos almorávides e almohades que gobernaron Al-Andalus. 

Na Guenizá de El Cairo -un habitáculo que teñen as sinagogas e os cemiterios xudeus para conservar documentos de carácter sagrado que quedaron inservibles- acumuláronse durante case un milenio arredor de douscentos mil documentos que quedaron obsoletos ata o seu descubrimento polos exploradores europeos no século XIX. Non son só textos sagrados, senón de todo tipo: ciencia, poesía, transaccións, amuletos, receitas médicas, cartas persoais... y un sen fin de documentos que nos mostran como era a vida cotiá medieval no Mediterráneo en primeira persoa. A exposición «La Edad de Oro de los judíos Alandalús» analiza este contido e achega a historia dunha das épocas de maior esplendor do mundo xudeu na península ó público a través de imaxes, recreacións, facsímiles e un percorrido narrativo co que o visitante poderá viaxar no tempo.

A situación xeográfica de Exipto, ponte natural entre o Oriente e o Occidente islámico, facilitou que moitos destes documentos fosen de orixe andalusí. Esta mostra, comisariada polo catedrático da Universidade de Granada José Martínez Delgado, ofrécenos os testemuños auténticos da época, o que permite achegarse a súa forma de vida, as súas inquedanzas, necesidades, habilidades e problemas. Unha viaxe dende as orixes desta importante comunidade ata o seu éxodo e extinción no século XII.

A mostra está organizada polo Centro Sefarad-Israel, coa colaboración da Casa do Mediterráneo, o Miller Center for Contemporary Judaic Studies e The George Feldenkers Program in Judaic Studies da Universidade de Miami, a Red de Juderías de España, o World Jewish Congress e a Fundación Hispano Judía. Conta ademais con apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, a Comunidade de Madrid, o Concello de Madrid, ElAl, Instituto Cervantes, a Universidade de Cambridge, a Universidade de Granada, o Trinity College de Dublín e o European Research Council.

TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 27 DE MARZO DE 2025 -GALEATRO PRODUCIÓNS ESCÉNICAS con ARTE SEN GUIÓN

O xoves 27 de marzo ás 20:15 h e no Edificio Multiusos o Concello de Monforte continúa coa programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2025 na nosa cidade. A compañía GALEATRO PRODUCIÓNS ESCÉNTRICAS representa ARTE SEN GUIÓN obra escrita e dirixida por Miguel Canalejo e interpretada por Alba Bermudez, Tone Martínez, Miguel Canalejo e Alba Nogueira. A derradeira banda de comedia da Idade Media quere presentar ante o público un espectáculo coma os que representaban na sua época, pero con tanta festa e tanta viaxe no tempo esqueceron todos os seus diálogos. Ante a imposibilidade de atopar os escritos do seu repertorio, tratarán de improvisar o seu número, deixando que a intuición, o oficio e a música sexan a guía para levar a cabo unha función ao máis puro estilo do seu século.

Arte sen guión é unha peza teatral excepcionalmente divertida baseada na improvisación e no teatro cómico e onde o público ten un papel moi importante. Arte sen guión é a primeira produción para público adulto da compañía Galeatro, unha coprodución do Centro Dramático Galego con presencia en festivais tan relevantes como a MIT de Ribadavia ou o Festival internacional de Teatro clásico de Almagro, entre outros.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 10 DE ABRIL DE 2025 -BERROBAMBÁN con MULLERES QUE VIVEN SOAS

O xoves 10 de abril ás 20:15 h e no Edificio Multiusos o Concello de Monforte remata as representacións de teatro profesional adulto da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2025 na nosa cidade.

A compañía BERROBAMBÁN representa MULLERES QUE VIVEN SOAS obra escrita por Paula Carballeira a partir de textos de Xiana Arias, María da Pontragha e Vero Rilo, dirixida por Chiqui Pereira e Nuria Sanz e interpretada por PAULA CARBALLEIRA. Recoñecida actriz, narradora e dramaturga. Como actriz participou en vairas series da TVG e colabora habitualmente como dramaturga con compañías como Chévere, A Panadaría ou Culturactiva. Ven de ser recoñecida co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 pola súa peza "As Alumnas".
MARÍA DA PONTRAGHA Educadora e antropóloga, ás veces conta historias. Sempre mantivo un vínculo moi forte coa tradición oral, tanto a través da música como a través da propia palabra. Como contadora, trata de dar continuidade á nosa herdanza cultural e lingüística para que sigan aflorando nas xeracións vindeiras.
VERO RILO Leva participado nun feixe de proxectos fóra e dentro do país. Destaca Daboapipa, co acordeonista Santi Prieto. Pouco despois chega Historias de vida, guerra, amor e case morte, Lavandeiras, Rilo&Penadique, Divas de diván, ou Apatacón con Faia Díaz, vocalista de De Vacas.

Mulleres que viven soas. Protagonizada polas Tres Bruxas que profetizan o ascenso de Macbeth ao trono na peza de Shakespeare. Tres bruxas que encarnan os males deste mundo e que nos serven de referencia para rirnos da diferenza entre como nos ven (ou nos contan) e como nos sentimos nós dentro das nosas casas.

Espectáculo híbrido entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino interpretado por tres das contadoras de historias máis relevantes. Tres mulleres excepcionais para dar voz e corpo a historias reais e personaxes femininas de ficción.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

TEATRO INFANTIL E FAMILIAR NO EDIFICIO MULTIUSOS /DOMINGO 11 DE MAIO DE 2025 ÁS 18:00h, REDRUM TEATRO con OS CONTOS DO LOBICÁN

O domingo 11 de maio ás 18:00 h e no Edificio Multiusos terá lugar a segunda cita co teatro para público infantil e familiar dentro da programación da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia en Monforte de Lemos do 2025.

A compañía REDRUM TEATRO presenta OS CONTOS DE LOBICÁN, obra coa autoría de Eva Mejuto, dirixida por Alex Sampayo e coa interpretación de Guillermo Carbajo e Victoria Pérez.

“Os contos do Lobicán” é unha historia en verso, áxil e atrevida, destinada a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, que busca darlle a volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación.

O marabilloso texto de Eva Mejuto foi gañador do XV Premio Barriga Verde 2022. O espectáculo, que mestura intérpretes reais con monicreques, está inspirado no atractivo mundo de Wes Anderson onde as cores, a escenografía, o vestiario e a música axudan a trasmitir os valores anteriormente mencionados. A través da riqueza da narrativa e dos seus entrañables personaxes, o espectáculo convida a nenos e nenas a reflexionar sobre o mundo que os rodea e imaxinar novas posibilidades dun futuro máis inclusivo.

Lobicán é un animaliño curioso que goza explorando o bosque e compartindo momentos coa súa familia. A pesar da súa reticencia cara á escola e o estudo, Lobicán mostra un profundo interese por aprender sobre a natureza e o mundo que o rodea. Nai Lobicana pídelle levar unha torta ao avó, e mentres Lobicán está no bosque, atópase con Xiana, unha nena que busca o camiño cara á casa da súa tía Silvana. Sen importar as súas diferenzas, Lobicán e Xiana establecerán unha forte amizade que os axudará a superar perigos e desafíos.

“Os Contos do Lobicán” é unha historia conmovedora que resalta a importancia da amizade, a aceptación da diferenza e o respecto pola natureza, deixando unha poderosa lección sobre a importancia de valorar as relacións persoais e protexer o noso medio ambiente.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para nenos, desempregados, xubilados e estudantes.