Do 2 ó 28 de setembro de 2020 e na Sala de Exposicións da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do Concello de Monforte, poñerase a disposición do público o PROXECTO AUDIOVISUAL realizado por Manuel Valcárcel Cabo "Piro" titulado PEREGRINOS A SANTIAGO DE COMPOSTELA polo CAMIÑO DE INVERNO ao seu paso por MONFORTE DE LEMOS.
O proxecto promovido polo Concello monfortino e que conta coa colaboración do Xacobeo 2021, a través do programa “O Teu Xacobeo” esta formado por unha curtametraxe documental e por unha exposición fotográfica, tendo ambas como fío condutor o Camiño de Inverno ó seu paso polo Concello de Monforte de Lemos.
Esta mostra audiovisual poderá ser disfrutada por todos os monfortinos e visitantes na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro ata o 28 de setembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas, e con pases do documental a cada hora. En concreto os pases de vídeo emitiranse ás 10, 11, 12, 13, 16, 17, 18, 19 e 20 horas.
A curtametraxe documental conta cunha duración de 15 minutos e describe como os peregrinos que transitan por Monforte a través do Camiño de Inverno cara a Santiago de Compostela van descubrindo o patrimonio material e inmaterial, natural e histórico da cidade e da súa contorna. Uns peregrinos, procedentes de diversos puntos de España e doutros países, que son filmados e entrevistados, para contar as súas vivencias e experiencias no Camiño.
En canto á exposición fotográfica, a mostra está composta por 10 imaxes enmarcadas en cadros de 70x50 cm. nas que, a modo de resumo, se recollen momentos especiais e destacados do documental, e nas que se presta especial atención tanto ós peregrinos como ó patrimonio artístico e arquitectónico de Monforte.
Aspectos técnicos do documental
Para a filmación de imaxes, o cineasta monfortino, utilizou as últimas tecnoloxías en canto a calidade e resolución para achegar ó espectador a unha realidade estética e documental, filmando en resolución 4K, tendo en conta a durabilidade e futuro expositivo da curtametraxe.
Tamén cobrou importancia a gravación de imaxes en distintas estacións do ano, destinadas a que aqueles que vexan o documental poidan valorar as diferentes motivacións á hora de afrontar o reto da peregrinación polo Camiño de Inverno. Tamén destacan as imaxes panorámicas gravadas mediante dron.
O son tamén ten un papel moi importante dentro da curtametraxe, xa que reflecte a realidade sonora do espazo combinada coas declaracións recollidas aos peregrinos e historiadores como personaxes principais da historia. Finalmente o documental contou cunha banda sonora orixinal adicada expresamente a este proxecto na que se tivo en conta para a súa composición a historia musical e a súa adaptación contemporánea.