O xoves 8 de novembro ás 20:15 h no Edificio Multiusos terá lugar a segunda cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios no segundo semestre de 2018 en Monforte de Lemos.
A compañía MOFA & BEFA presenta CRANIOS PRIVILEXIADOS ... OU A CRÍTICA DA RAZÓN PERRALLEIRA obra composta por Carlos Santiago e Pepe Sendón, dirixida por Carlos Santiago e cun elenco artístico formado por Josito Porto e Víctor Mosqueira.
Logo de vintecinco anos arriscando o pelexo sobre todo tipo de palcos e tablaos, tanto flamencos como euskaldúns, en festivais de teatro clásico e anódinos bares universitarios, en desaparecidas salas alternativas ou nos desabrigados cortellos das redes teatrais do estado, o celebrado dúo cómico Mofa e Befa enfronta pola primeira vez na súa dilatada traxectoria o metálico ardor da dúbida. “E agora que?”, sería o seu particular remedo da dúbida metódica cartesiana, aquela que obriga aos dubidantes a desconfiar de todo o que os arrodea, a comezar por si mesmos, postulando ademais a existencia dun xenio maligno, tal vez un escuro funcionario da Xunta de Galicia, responsábel de os conducir por errados camiños e empurralos por derivas pouco sustentábeis desde un punto de vista racional. É hora de pensar, non queda outra.
E esa é a gran pregunta. De que vai iso de pensar? Unha pregunta que trae aparellada a súa propia revelación, porque se do que se trata é de aprender a pensar, por que non superar todas as dúbidas como dúo cómico facendo un espectáculo sobre a propia ciencia do pensamento, coñecida desde hai dous mil quiñentos anos polo enigmático e farfallado nome de “filosofía”?
En semellante acto de coraxe é onde se evidencia de vez o carácter indómito de Mofa e Befa. Pois mesmo sendo conscientes de que o pensamento non está de moda, nin forma tampouco parte das destrezas naturais das súas personaxes emblemáticas, e coa certeza case absoluta de que un espectáculo filosófico pode representar o final definitivo da súa carreira artística, ambos os dous ousados entréganse de ollos pechados á árida tarefa de transcender os seus vintecinco anos de alianza sobre o palco cun espectáculo de fondo calado metafísico e oportunísimas reflexións sobre a vida, a actualidade galopante e as grandes preguntas da humanidade.
O diálogo filosófico, xénero referencial do espectáculo, vai fornecer toda unha galería de personaxes susceptíbeis de ser conxurados sobre o palco por Mofa e Befa, desde filósofos históricos, como Sócrates, Pitágoras, Kant ou Nietzsche, até filósofos totalmente descoñecidos, como Polemón, o máis grande filósofo galego de todos os tempos, e que curiosamente é o pai de Mofa & Befa.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.