Teatro na Rede Galega de Teatros e Auditorios/Xoves 13 de Decembro de 2018

Cartaz Titzina teatreO xoves 13 de decembro ás 20:15 h no Edificio Multiusos terá lugar outra cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios no segundo semestre de 2018 en Monforte de Lemos.
A compañía TITZINA TEATRE presenta LA ZANJA obra composta, dirixida e interpretada por Diego Lorca e Pako Merino.

En dezaseis anos de creatividade Titzina Diego Lorca e Pako Merino marcaron os sinais de identidade do seu proxecto: un traballo de xornalismo antropolóxico, de entrevistas e conivencias. Un traballo de investigación, penetrando na vida doutras persoas e abordando realidades moitas veces descoñecidas para transportar ó escenario o máis destacable a nivel humano, dende un punto cómico, irónico e á vez tráxico.

La zanja é a quinta obra da compañía. Nesta ocasión fálase de raíces culturais, da relación entre dous mundos que compartiron unha parte da historia, impregnados polas consecuencias ata hoxe en día: América e Europa.

As crónicas do encontro entre o descubridor Pizarro e o último rei inca Atahualpa así como os conflitos mineiros entre as multinacionais occidentais e as comunidades nativas son a base da proposta.

Un traballo exhaustivo de creación que sae da documentación das crónicas da época e as viaxes ao Perú actual. O resultado é unha trama dinámica chea de humor e emoción.

SINOPSE:
Miquel, técnico dunha multinacional mineira, chega a unha explotación da compañía en Sudamérica. Alfredo (o alcalde) e a súa comunidade esperan a este novo descubridor. Prodúcese o encontro de dous mundos e formas diferentes de entender a vida. As ambicións, oportunidades e consecuencias da implantación da mina marcan o futuro da poboación e as relacións entre veciños.

Os protagonistas son transportados a un momento clave da historia durante o descubrimento de América: o encontro de Pizarro e Atahualpa.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

Foto Titzina Teatre