Teatro na Rede Galega de Teatros e Auditorios/Xoves 14 de Marzo de 2019

Cartaz Aporía Escénica

 

O xoves 14 de marzo ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar a terceira cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2019 en Monforte de Lemos.

A compañía APORÍA ESCÉNICA presenta 30 E TANTOS ÓSOS, obra de Diana Mera, Merche Pérez e Teté García, dirixida por Diana Mera e interpretada por DIANA MERA: actriz, dramaturga, directora de escena e docente teatral. MERCHE PÉREZ: bailarina, actriz (especialidade textual e xestual), profesora de danza clásica e contemporánea. TETÉ GARCÍA: actriz, dramaturga, pianista e profesora de música. BELÉN BOUZAS: actriz (especialidade textual e xestual), performer e mestra de aikido e DIEGO VALEIRAS: escenógrafo, iluminador, indumentarista e docente de plástica teatral.

Aporía é unha compañía emerxente que busca explorar o universo da muller e atopar a súa propia linguaxe artística por medio da hibridación de tipoloxías escénicas que favorezan a potencia plástica dos corpos e os obxectos, empregando o xogo e o humor, sen esquecer a palabra e a poesía. 30 e tantos ósos é unha viaxe de catro mulleres de 30 e tantos anos que, cansas de vivir agochadas baixo carcasas prefabricadas, adoptando condutas alleas, deciden transcender a pel e a carne a través da figura mítica da Loba, para chegar os seus ósos, á materia máis elemental, onde se inscribe a súa historia persoal e colectiva e se atopa, desterrado, o seu potencial máis vital e salvaxe.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.