Na mañá de onte, a Casa da Cultura de Monforte acolleu a inauguración da exposición Manuel Rodríguez López: Emigrante galego. Poeta obreiro, que permanecerá exposta ata o 29 de xuño.
A mostra recolle, en 8 paneis dobres de gran formato, a vida e obra deste poeta, “emigrante e obreiro”, nacido en Paradela. Precisamente, da man de familiares e amigos do poeta xurdiu esta idea hai 7 anos, coa intención de reivindicar a súa figura e optar “a que a Manuel Rodríguez se lle adique o Día das Letras Galegas nalgún momento”, tal e como manifestou na inauguración o comisario da exposición, Antonio Giz.
No acto inaugural, ademais da empresa que organiza a exposición, Galicia Dixital, tamén estiveron presentes representantes dos organismos que colaboran na mesma: a concelleira de Cultura de Monforte, Marina Doutón, a deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto, o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, a delegada de cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez, así coma unha representante do Consello Regulador da Ribeira Sacra. Tamén estivo presente a viuva do poeta, Irene López.
Manuel Rodríguez López: Emigrante galego. Poeta obreiro.
A exposición adicada ao poeta de Paradela recorre en 8 paneis o percorrido vital e literario de Manuel López. Unha exposición que, ao longo de 7 anos, percorreu a maioría das vilas e cidades de Galicia, así como cidades destacadas de España e Portugal.
Pero, tal e como explicou Antonio Giz, a exposición é unha das 3 patas das que se compón este proxecto reivindicativo. As outras dúas son unha completa web sobre o escritor (www.manuelrodriguezlopez.org) onde se recolle toda a súa vida, as súas obras completas (publicadas e non publicadas) así coma fotos, vídeos e audios do autor. E a terceira vía de difusión son diversas publicacións en papel entre as que destacan a “Antoloxía Poética” elaborada por Santiago Rodríguez López (fillo do poeta) e Xesús Alonso Montero, así como a obra “Manuel Rodríguez López. 25 anos despois”, coordinada por Antonio Giz.