O salón de actos do Edificio Multiusos acollerá o sábado 21 de novembro ás 20:00 horas dentro do programa Xacobeo 2021 un concerto do grupo MILLADOIRO, concerto no que se presentará o seu novo traballo ATLÁNTICO e se fará un percorrido polas composicións máis lexendarias do grupo dende as súas orixes ata hoxe. Unha homenaxe á longa traxectoria do grupo folk galego por excelencia.
A entrada é gratuíta e tendo en conta a actual normativa establecida polas autoridades sanitarias para este tipo de espectáculos, a capacidade do local é limitada a un máximo de 30 persoas.
Debido á escasa posibilidade de asistencia ó concerto, este será gravado e emitido posteriormente a través da páxina web do Concello de Monforte nun día aínda por definir.
Para conseguir as entradas é necesario que do 16 ó 18 de novembro se realice unha solicitude individual chamando o teléfono do concello 982 402 501 ou ben en cultura@concellodemonforte.com, indicando o nome e teléfono da persoa que quere acudir ó concerto. O xoves 19 farase un sorteo entre os solicitantes e determinaranse os trinta asistentes. O resultado do sorteo será comunicado individualmente telefonicamente ou a través de correo electrónico o xoves pola mañá.
Esta actividade está programada pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Monforte de Lemos e a Deputación de Lugo.
Protocolo ante a Covid-19:
Para o desenvolvemento deste concerto o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante a Covid-19:
- A capacidade do local é nestes momentos de 30 persoas.
- A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo do concerto.
- Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
- Gardarase a distancia social de seguridade. O espectador non tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.