O xoves 28 de novembro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar unha nova cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do segundo semestre de 2019 en Monforte de Lemos. A compañía REDRUM TEATRO presenta a obra INVISIBLES, obra escrita por Montse Fajardo, dirixida por Marián Bañobre e interpretada por Mela Casal, Shyela Fariña e Nieves Rodríguez.
Un lugar indeterminado.
Tres mulleres.
Sete testemuños reais.
Un millón de razóns para falar do maltrato.
Non máis invisibles.
Invisibles é un espectáculo de creación colectiva, que presenta ante o público diversas historias cun fío común entre elas: a violencia de xénero. O seu interese reside na exposición de historias reais protagonizadas por mulleres galegas, historias sobre malos tratos, algunhas delas xa coñecidas polo público pola súa repercusión mediática. A pretensión fundamental deste espectáculo é concienciar e sensibilizar ás espectadoras e aos espectadores con esta lacra que invade a nosa sociedade.
Invisibles é un espectáculo para maiores de 12 anos, debido ao contido dalgunha das situacións que se presentarán no mesmo. Podemos dicir que é un espectáculo para público adulto pero que tamén cun grande interese para xoves en idade adolescente, xa que é precisamente nese rango de idade no que rematan de formar as súas personalidades e no que comezan as súas primeiras relacións de parella. É o momento no que coñecer este tipo de situación pódelles levar a construír unha relación máis sana e a asentar os límites das súas relacións futuras.
Con este espectáculo presentamos dúas grandes reflexións: a inexistencia dun perfil típico entre as mulleres que sofren violencia de xénero e a invisibilidade dos agresores fronte á exposición das vítimas ante a sociedade. Desexamos que o noso público desenvolva unha conciencia crítica e cuestione a realidade que o envolve para poder así transformala.
Invisibles quere respectar e conservar a necesaria dimensión lúdica do teatro, pero aproveitando tamén a súa capacidade transformadora.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.