A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo semestre de 2019 iníciase en Monforte de Lemos o xoves 17 de outubro ás 20:15 h no Edificio Multiusos, coa aposta en escena da obra VIDA DE CANS da compañía TALÍA TEATRO obra escrita e dirixida por Cándido Pazó e cun elenco artístico de Dani Trillo, Rubén Prieto e Artur Trillo.
Unha alegoría canina en cinco ladridos escénicos. Tres actores Tres cans Ou tres actores que fan de can Sen deixar de ser actores Sen deixar de ser cans. Están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo... pero recinto.
Ben tratados, ben atendidos, ben alimentados, ben acariñados... pero recluídos. Fóra do recinto está a liberdade Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos... pero liberdade.
Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade Ou segundo a súa canalidade. E todo vai derivando cara unha traxedia... que nunca deixa de ser comedia. Comedia absurda Comedia paródica Comedia metafórica.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.