O GRUPO DE TEATRO VIRAVENTOS dirixido por Eva F. Ferreira, poñerá en escea “Sucesos”, espectáculo adaptado da obra homónima de Gustavo Pernas Cora. Esta representación teatral está incluida na programación do PROXECTO TEATRAL AFECCIONADO BUXIGANGA, da Deputación de Lugo na que participa o Concello de Monforte de Lemos.
Sucesos é un conxunto de pezas breves que poderían enmarcarse no que adoita denominarse "comedia urbana contemporanea". En escea, diversos personaxes cotiás envoltos en situacións que destilan un marcado ton de absurdo e humor negro. Os temas que se tratan son a precariedade económica na vellez, o culto a apariencia na época das redes sociais, as novas formas de soidade na sociedade actual e, transversalmente, as dificultades na comunicación humana.
O Grupo de Teatro Viraventos xurdiu hai 18 anos no contexto das actividades de tempo libre para persoas maiores que se organizaban dende os Servizos Sociais do Concello de Monforte. Nestes anos, contou coa participación de mais de medio cento de persoas que levaron a cabo, curso tras curso, a montaxe e representación de 30 obras de teatro, clásicas, adaptadas e de creación propia. Moi activos nas súas actividades, teñen actuado en colexios, festas populares, festas medievais, recitais... e desde hai tres anos, forman parte do Proxecto Buxiganga, representando as obras O avaro e Os intereses creados.