Julia Otero será a pregoeira das Festas Patronais 2018

26 de xuño de 2018. Julia Otero será a pregoeira das Festas Patronais 2018 de Monforte. O Alcalde, José Tomé, destacou que “Julia é a persoa ideal para poñer o broche de ouro ós pregóns das Festas Patronais do actual mandato. A súa presencia e a excelente programación musical dos días posteriores, farán das nosas Festas o maior atractivo turístico do sur da provincia de Lugo en todo o mes de agosto”.

 

O mandatario local engadiu que “é unha persoa que leva con orgullo o feito de ser de Monforte e, sempre que ten ocasión, aproveita o seu programa de radio para enxalzar a nosa riqueza paisaxística, cultural e patrimonial; o cal é de agradecer e de valorar”.

 

José Tomé explicou que “a nosa vontade era que Julia fose a pregoeira das Festas Patronais do pasado ano, pero ela xa tiña programada unha viaxe a Estados Unidos para esas datas. Por ese motivo, comprometeuse a estar en Monforte neste ano 2018”.

 

Como xa vén sendo habitual, o Equipo de Goberno mantén a súa idea de contar neste acto de inauguración dos festexos con persoas relacionadas coa nosa cidade. A vontade é que o encargado ou encargada de ler o pregón sexa alguén que nacera aquí ou que, dalgún xeito, teña as súas raíces en Monforte de Lemos. O Alcalde lanza unha mensaxe a tódolos monfortinos: “eu animo a todo o mundo a que o vindeiro 11 de agosto se acheguen ás portas da Casa Consistorial para dar comezo de xeito oficial ás Festas Patronais”.

 

Julia Otero presenta e dirixe, actualmente, Julia en la Onda, que se emite de luns a venres, de 15 a 19 horas, na emisora de radio Onda Cero.  Precisamente, o vindeiro 5 de xullo, a Casa da Cultura de Monforte volverá a ser escenario da emisión en directo deste espazo radiofónico.

 

 

Traxectoria de Julia Otero

Julia Otero naceu en Monforte pero dende nena viviu en Barcelona. A pesar de ser licenciada en Filoloxía Hispánica, dende moi nova dedicouse ó mundo da comunicación e, indiscutiblemente, a súa carreira laboral está ligada ó mundo da radio.  Julia desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional neste medio de comunicación: Radio Juventud, Radio Miramar, Cadena Cope ou Onda Cero forman parte do seu extenso currículo. 

 

Julia tamén fixo programas de éxito para a televisión, entre eles, destacan o concurso 3x4, La Luna, ou Las Cerezas, todos eles en Televisión Española (TVE1). Por outra parte, elaborou reportaxes e artigos de opinión para diferentes xornais, como é o caso de El País e La Vanguardia.

Ó longo da súa traxectoria profesional Julia recibiu numerosos premios, entre eles, tres Ondas. Un deles, polo programa La radio de Julia, que se emitiu en Onda Cero. En 2009 foi elixida Galega do Ano e nomeada Filla Predilecta de Monforte. O seu galardón máis recente recibiuno precisamente este ano, trátase do Premio José Couso á Liberdade de Prensa.