Paseos en barca polo río Cabe

 

A Xunta de Goberno local do Concello de Monforte adxudicou o servizo de paseos en barca polo río Cabe ó Club de Montaña e Piragüismo Quixós, que se encargará da xestión desta actividade, do mantemento das barcas así  como dos cobros e atención ós pasaxeiros. As embarcacións están a disposición dos veciños e visitantes desde o 15 de xuño.

O punto de inicio dos percorridos será o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo custará 3,25 €/media hora, como en anos anteriores. Por razóns de seguridade, só se permiten seis persoas como máximo en cada barca. Estas pequenas travesías en barca poderán facerse de luns a venres entre as 18 horas ata as 22 horas e as fins de semana e os festivos, tamén en horario de mañá desde as 11 e ata as 14 horas do mediodía e pola tarde de 18 a 22 horas. O espectáculo das barcas engalanadas será o 16 de agosto a partir das 23 horas.

Para o Alcalde estas travesías, que veñen sendo unha tradición dende hai anos, “permiten gozar dunha perspectiva diferente da nosa cidade e que soamente é posible ter dende o río. Pese a que Monforte se construíu de costas a el, os veciños sempre tiveron a tradición de usalo para labores cotiás, como lavar a roupa, especialmente na zona do Malecón, onde había lavadoiros colectivos”. Para José Tomé Roca os paseos en barca permiten ter outra dimensión do río; máis alá de velo só desde fóra e engadiu que “é un percorrido fermoso, cómodo e sen correntes, moi axeitado para realizar nesta época do ano”.