Un investimento de case 300.000 euros para mellorar outras 15 rúas de 5 barrios de Monforte

5 de setembro de 2018. O Goberno municipal vai realizar obras de mellora noutras 15 rúas de Monforte, uns traballos dos que se van ver beneficiados 5 barrios da cidade. O investimento destes novos proxectos ascende a preto de 300.000 euros.

En concreto, as tarefas previstas contemplan obras na contorna de San Pedro e Zapardiel; no barrio da Estación; na zona do Hospital comarcal; nos arredores da rúa Veiguiña e na contorna de San Lázaro-A Pinguela.

Un dos proxectos que anunciou o Alcalde inclúe a mellora das rúas:

-    Carlos Casares

-    Avelino Cachafeiro

-    Jacinto Benavente

-    Juan Ramón Jiménez

-    Rosalía de Castro

-    Ramón y Cajal

-    Padre Feijóo

-    Juan Montes

-    Miguel de Cervantes

O Alcalde, José Tomé, destaca que “deste xeito imos mellorar a totalidade das rúas ubicadas na contorna das rúas San Pedro e Zapardiel; así como os arredores de Juan Montes e do cuartel da Garda Civil, o que se traduce nunha mellora moi importante do barrio da Estación”.

O custe de licitación deste proxecto ascende a  144.722 euros.

 

O segundo dos proxectos previstos vai permitir mellorar outras seis rúas:

-Rúa Abeledos

-Rúa Corredoira, tramo 1 e 2

-Rúa Veiguiña (inclúe o tramo inicial da rúa Santiago)

-Ferrol

-Rúa San Lázaro

-acceso ás vivendas da Pinguela

 

José Tomé apuntou que “con este segundo proxecto imos mellorar 3 barrios da cidade: a zona do Hospital comarcal, a contorna da rúa Veiguiña e a zona de San Lázaro-A Pinguela”.

Este proxecto ten un presuposto de licitación de 144.261 euros.

Detalles das obras

Estas 15 rúas van ter un tratamento de aglomerado en quente e tamén van ser sinalizadas e pintadas axeitadamente. Ámbolos dous proxectos xa poden consultarse no Perfil do Contratante.

O prazo para presentar ofertas remata o 24 de setembro; e a mesa de contratación está fixada para o día 27. A previsión é que as obras comecen a finais de outubro ou comezos de novembro.

Detalles do investimento

Os dous proxectos custan 288.983 euros. Desta cantidade, a Deputación Provincial de Lugo aportará o 60% e o resto, corresponderalle ó Concello.