10 de setembro de 2018. O Alcalde anuncia novas obras para seguir mellorando os firmes de Monforte. En concreto, o Concello acordou coa Deputación provincial de Lugo a mellora da rúa Carude, dende o Paseo de Lugo ata a capela de San Lázaro. José Tomé sinala que “se trata dunha zona de moitas fochancas dende hai anos. Por iso, nunha lonxitude de 465 metros imos dotala dunha nova capa de aglomerado en quente. Queremos que un barrio tan emblemático como o de Carude, teña a imaxe que merece”.
O mandatario local anunciou que tamén se vai arranxar a rúa Reboredo, dende o paso a nivel ata onde rematan as beirarrúas. Neste caso, a actuación comprende preto de 500 metros.
Por último, José Tomé, destacou que “imos mellorar o firme na estrada de Monforte a Rozavales e Vilachá de Salvadur, continuando deste xeito, coas obras que xa se realizaron o pasado ano”. Está previsto que estes traballos se desenvolvan en dous tramos: o primeiro deles vai dende o Barrio Novo ata a entrada para Caneda, e o segundo tramo máis estreito está situado nas proximidades da pista de Vilamarín.
Se as condicións climatolóxicas o permiten, a previsión é que as obras comecen este xoves, 13 de setembro, na rúa Carude. Posteriormente, continuarán na rúa Reboredo e finalmente, na estrada de Rozavales.
Cómpre destacar que estas tarefas comezarán logo de que Ovisa remate de realizar os asfaltos nas rotondas da Ronda María Emilia Casas, posto que se trata da mesma empresa. O investimento destinado a estes traballos ascende a 260.179 euros.