3 de outubro de 2018. Unha das novidades do Conservatorio municipal para o curso 2018-2019 é a recuperación das clases da danza clásica e contemporánea. Para reforzar estas disciplinas, o Concello de Monforte conta cunha nova profesora, a lucense Tamara Río Simón, Premio Fin de Grao en Danza Clásica e en Danza Contemporánea polo Conservatorio Profesional de Lugo.
Ademais da súa titulación en ámbalas dúas disciplinas, Tamara conta cunha ampla experiencia: impartiu clases en varios colexios da cidade das Murallas, entre eles, os Maristas, Milagrosa e Galén; así como en diferentes escolas de danza e ximnasia rítmica.
Por outra parte, a nova profesora do Conservatorio Mestre Ibáñez posúe experiencia escénica, tanto na modalidade clásica coma contemporánea. Entre outros traballos, destacan:
-Gala San Froilán de Lugo (Amelie, Contravento, Mamá Tierra)
-Gala UNICEF, Círculo das Artes de Lugo (Bella Durmiente)
-Arde Lucus (Espartaco)
-Diversas galas de clausura do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, no auditorio Gustavo Freire
-Concursante do programa de televisión Fama Revolution, de Cuatro
Polo que respecta ás clases de danza tradicional galega, estarán a cargo de Teresa Álvarez.