15 de novembro de 2018. Por segundo ano consecutivo, o Concello de Monforte lanza o programa de fomento da iniciativa empresarial, polo que se conceden axudas ás empresas que xeren novos postos de traballo.
A contía prevista para estas subvencións ascende a 25.000 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros. Cómpre destacar que esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade.
A finalidade é subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e do funcionamento da empresa durante os primeiros meses da actividade. Concretamente, os gastos subvencionables son: de constitución, existencias iniciais de mercadorías, gastos de alugueiro do local, primas de seguros, subministracións e gastos correntes.
A estas axudas poderán acollerse os empresarios e as pequenas e medianas empresas (PEME) que comezaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2017 e o 31 de outubro de 2018.
Para poder solicitar estas subvencións, entre outros aspectos, que as persoas promotoras estean en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo.
Por outra parte, os autónomos poderán ser beneficiarios das axudas cando formen parte dunha comunidade de bens, Sociedades Civís ou constitúan unha Sociedade Mercantil.
Compromiso coa mellora da empregabilidade
O Alcalde, José Tomé, destaca que “o obxectivo é colaborar de forma activa na xeración de emprego no noso municipio e apoiar a posta en marcha de novos proxectos empresariais. Por outra parte, estas axudas serven para fixar poboación no Concello de Monforte e contribúen a un desenvolvemento sostible, facilitando a empregabilidade”.
O rexedor engade que “estas axudas, sumadas á posta en marcha este mes do novo Obradoiro de Emprego, son elementos que demostran a aposta deste Equipo de Goberno para contribuír a asentar postos de traballo no noso municipio”.