22 de novembro de 2018. O Alcalde deu a coñecer un novo proxecto para mellorar a iluminación pública na rúa Morín, concretamente, dende a rúa do Caneiro e ata a residencia do Morín. Con todo, José Tomé, destacou que “a nosa vocación é continuar no futuro con esta mellora dende a residencia e ata o final da recta, en Ribasaltas”.
A actuación prevista consiste na eliminación da actual tecnoloxía e na instalación de luces LED, que permiten unha alta eficiencia enerxética. O mandatario local apuntou que “o noso obxectivo é mellorar a iluminación e reducir o consumo enerxético e polo tanto, o económico, mellorando os niveis de iluminación, máis axeitados para as empresas e as vivendas”.
As instalacións actuais teñen un consumo anual de 66.906 kwh. Coas novas luminarias o consumo previsto baixará ata 19.172 kwh anuais: “é unha diferenza de 47.733 kwh por ano. Esta cifra tradúcese nun aforro económico para as arcas municipais de case 7.000 euros anuais, o que se corresponde co 71% da factura desa rúa”, engade o Alcalde, José Tomé.
Por outra parte, a nova instalación vaise traducir nun aforro económico, enerxético e de emisións de CO2 do 71 % ó ano. A actuación programada contempla a reforma das seguintes seguintes instalacións:
-Cadro de mando e protección, e instalación de posta a terra.
-Eliminación das actuais luminarias ó longo da rúa Morín, que son de vapor de sodio e de baixa eficiencia enerxética, por outras novas de tecnoloxía LED.
-Cambio na disposición dalgunhas das luminarias para acadar unha iluminación máis axeitada, con novos apoios, cimentacións e luminarias. Os báculos tamén serán todos novos.
Para poder realizar esta obra, o Concello de Monforte vai investir 153.000 euros.
O prazo para a realización destas actuacións é de dous meses e medio.
Mellora da iluminación pública
Dende que comezou o mandato en 2015, o actual Equipo de Goberno mellorou a iluminación en máis dunha trintena de rúas da cidade e en máis de 200 farolas das parroquias. O Alcalde afirma que “a nosa vontade é manter esta liña de traballo, para tratar de chegar coa mellora da luz pública á maior parte da cidade. Se os monfortinos nos encargan seguir gobernando, no próximo mandato alcanzaremos prácticamente a tódolos puntos do noso municipio”.
Por outra parte, o mandatario local destacou que “esta é a primeira obra de iluminación que realizamos na zona da Estación pero acometeremos outras, o que vai facer que este barrio experimente unha transformación da iluminación pública moi importante”.