O xoves 29 de novembro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar a terceira cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios no segundo semestre de 2018 en Monforte de Lemos.
A compañía TEATRO DO ATLÁNTICO presenta DÚAS DONAS QUE BAILAN obra composta por Josep M. Benet i Jornet, dirixida por Xúlio Lago e cun elenco artístico de María Barcala e María Ángeles Iglesias.
A sabedoría de Benet i Jornet, grande mestre da dramaturxia contemporánea, aparece de maneira espléndida, unha vez máis, en Dúas donas que bailan. Neste novo agasallo teatral o autor fainos compartir o drama, os soños e os fracasos das súas complexas personaxes nunha viaxe intensa, brutalmente divertida, conmovedora, plena de beleza dramática e iluminada pola inmensa humanidade que dúas mulleres agochan baixo a férrea armadura de ironía e dureza coa que intentan defenderse dos implacábeis embates da sociedade insensíbel e cruel na que lles tocou habitar; a mesma sociedade na que habitamos nós. E tamén vostedes.
SINOPSE ARGUMENTAL. Unha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París, resístese a abandonar o esfarelado piso no que habita, malia as presións dos fillos e tamén da axencia propietaria do inmoble. Todos eles teñen outros plans para a vivenda. A filla, en tanto non consegue que a nai mude de actitude, contrata unha muller para que vaia facer os labores domésticos na casa dúas veces por semana. A muller contratada é unha profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo. O seu carácter contestatario é parello ao da vella, outrora unha muller rebelde e activista. A presenza da contratada non é ben recibida e cada xornada convértese nun inquietante e por veces traxicómico enfrontamento.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.