O Goberno municipal concede subvencións para o desenvolvemento de actuacións no ámbito dos Servizos Sociais

3 de xaneiro de 2018. O Goberno local mantén o seu compromiso coas asociacións que desenvolven actuacións no ámbito dos Servizos Sociais. Proba diso é que dende 2016, a convocatoria de subvencións para este tipo de entidades sen ánimo de lucro realízase de xeito independente ás demais convocatoria de axudas.

 

O Goberno Municipal reservou unha partida de 12.000 euros para aquelas entidades que levan a cabo actividades e proxectos de carácter social con colectivos das distintas áreas de actuación dos servizos sociais, primando a aqueles que por razón de índole económica, de saúde ou concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturas sufran especiais dificultades.

 

Con estas axudas, o Goberno municipal intenta facilitar recursos de inclusión social, garantir a autonomía persoal e brindar oportunidades sociais e educativas, así coma axudar a previr a aparición de dependencia, desigualdade ou desprotección a aquelas persoas máis vulnerables.

 

Concretamente, o importe das subvencións concedidas ascende a 9.995 euros; son 1.622 euros máis que os que se deron na convocatoria anterior. Unha das entidades que vai recibir axudas por vez primeira é Cior Galicia.

Este ano, as axudas distribúense do seguinte xeito:

 

•   AFAMÓN:                   1.995 euros

•   AGORA:                      2.000 euros

•   CIOR GALICIA:            2.000 euros

•   AUXILIA:                     2.000 euros

•   ALBORES:                   2.000 euros

 

 Todas estas axudas son independentes das actividades que se levan a cabo dende a Concellería de Servizos Sociais dentro do programa Activa Monforte, que se desenvolven no Centro Cívico e nas diferentes parroquias do Concello, e que teñen gran éxito de participación.

 

Compromiso do Equipo de Goberno coas persoas

 

O Alcalde, José Tomé, destaca que “proba do noso compromiso coas persoas, é que dende 2015 incrementamos en 462.132 euros a partida destinada ós servizos sociais”. 

 

O mandatario local apunta que “ademais das axudas ás asociacións sociais, tamén habilitamos unha partida de axuda enerxética, para garantir que tódolos fogares de Monforte poidan facer fronte ó gasto da factura da luz, xa que se trata dun servizo básico”.

 

Por outra parte, o Goberno duplicou o presuposto destinado ó programa Activa, que ten como como obxectivo promover a participación dos veciños e, por outra parte, posibilitar espazos de encontro entre diferentes xeracións. O incremento dos fondos públicos destinados a estas actividades, permitiu que máis persoas puidesen participar e tamén posibilitou que se impartisen novas disciplinas, como por exemplo, clases de inglés para maiores, tapas e petiscos ou encaixe de bolillos.

 

O rexedor engade que ó longo de 2019 imos manter esta mesma liña de traballo. “As persoas e os servizos sociais serán unha prioridade para este Equipo de Goberno”, apunta José Tomé.