18 de xaneiro de 2019. A décimo primeira edición da carreira popular Concello de Monforte xa ten data, será o domingo, 24 de marzo. A gran novidade deste ano é que a distancia da carreira absoluta será de 10 quilómetros, o que supón un paso máis na consolidación dun evento que medra ano tras ano, e que se sitúa como unha das probas de referencia da provincia.
O evento, que discorrerá polas rúas do centro de Monforte, incluíndo o casco histórico, estará composto por 5 carreiras en función das categorías, de xeito que haberá unha proba absoluta de 10.000 metros e catro probas menores de 80, dúas de 700, 1.300 e 2.000 metros. Todas elas terán saída e meta na Explanada da Compañía.
A nova distancia da proba absoluta fai que se incorporen novas zonas da cidade, como son a Rúa Doctor Casares, o Paseo do Malecón, e a Rúa Sarria.
O percorrido queda do seguinte xeito:
Saída da Praza Compañía – Paseo de Lugo – Carude – San Lázaro – Reboredo – Dalmiro de La Válgoma – Escultor Francisco Moure – Rúa Sarria – Avenida de Galicia – Rúa Hortas – Rúa Doctor Casares – Paseo do Malecón – Ponte Vella – Rúa Antonio Méndez Casal – Praza Campo de San Antón – Rúa Ourense – Avenida de Galicia – Rúa Cardeal - Escultor Francisco Moure – Praza da Compañía
Todas as carreiras, incluídas as carreiras de categorías menores, contarán cun sistema de cronometraxe con chip, a excepción da carreira de categoría mini, que non é competitiva.
Os premios que se establecen para os mellores atletas de cada categoría son os seguintes:
Trofeo conmemorativo do evento ós tres primeiros clasificados de cada unha das categorías, excepto na categoría mini, na que todos os participantes que crucen a liña de meta recibirán unha medalla e unha bolsa de lambetadas.
Premios clasificación xeral: os tres primeiros clasificados da carreira absoluta, tanto en categoría masculina como feminina, recibirán trofeo e premio económico segundo as seguintes cantidades:
1º clasificado: 300 €
1ª clasificada: 300 €
2º clasificado: 200 €
2ª clasificada: 200 €
3º clasificado: 100 €
3ª clasificada: 100 €
• Premios especiais da carreira absoluta: haberá premio especial de trofeo e agasallo para os/as 3 primeiros/as clasificados/as locais (empadroados en Monforte).
• Premios por equipos: recibirán trofeo os tres mellores equipos clasificados.
Estes equipos deberán ser obrigatoriamente mixtos (50% homes e 50% mulleres) e estarán compostos por un mínimo de 4 compoñentes (dous homes e dúas mulleres) e un máximo de 6 compoñentes (tres homes e tres mulleres).
Ademais se premiará con trofeo ó centro educativo con maior número de participantes que crucen a liña de meta nas distintas categorías.
Todos os participantes recibirán avituallamento sólido e líquido ó finalizar a carreira, así como un agasallo conmemorativo do evento.
A inscrición pode facerse a través da plataforma on-line www.championchipnorte.com, tanto para a carreira absoluta como para as carreiras de categorías menores.