Monforte conta, por primeira vez, cunha guía turística

22 de xaneiro de 2019. Monforte ten xa a súa primeira guía turística coa información máis relevante do municipio. O documento presentouno esta mañá o Alcalde, José Tomé, acompañado da Tenente Alcalde, Gloria Prada. Por outra parte, o mandatario local deu a coñecer un tríptico sobre a cidade do Cabe: “estes dous documentos ofrecen unha información clara e concisa cos datos máis destacados sobre Monforte”.

 

Nesta primeira edición, o Concello de Monforte imprimou 10.000 exemplares da guía turística (5.000 en castelán, 2.500 en galego e outros 2.500 en inglés).  Por outra parte, editáronse outros 10.000 exemplares do tríptico, tamén nas tres linguas.

 

As persoas interesadas en ter estes documentos poderán adquirilos na Oficina municipal de Turismo, nas librarías e nos locais de hostalaría de Monforte que queiran distribuíla. A guía custará 1 euro e o tríptico será de balde.

 

 

Turismo máis esixente

 

“O turismo na nosa comarca está experimentando un crecemento moi importante. Monforte, como capital da Ribeira Sacra, precisaba ter un documento gráfico e informativo para difundir a nosa riqueza cultural e paisaxística”, indicou o rexedor.

 

José Tomé lamentou que “aínda que parece mentira,  Monforte carecía dunha guía turística. Cando chegamos ó Goberno, atopámonos con que non había ningún material para promocionar o noso Concello, e por este motivo, decidimos elaborar uns documentos que permitan difundir as nosas riquezas paisaxísticas, culturais e monumentais”.

 

José Tomé avanzou que, máis adiante, o Concello de Monforte vai elaborar un vídeo promocional que conteña os diferentes eventos que acolle a cidade do Cabe ó longo do ano. Por outra parte, “recollerá recolla a nosa gastronomía, a nosa cultura, a nosa paisaxe e os nosos monumentos”. 

 

Tanto a guía turística como o tríptico foron elaborados por unha empresa monfortina, Amanita Studio.

 

 

Presencia en FITUR

 

A nova guía turística de Monforte e o tríptico van estar presentes na Feira Internacional de Turismo FITUR, que se celebra esta semana en Madrid.

 

O público asistente atopará estes novos documentos no stand de Galicia e tamén no stand da Rede de Xuderías de España.

 

O Alcalde, José Tomé, sinalou que “deste xeito, Monforte estará en mans de turoperadores nacionais e internacionais durante esta semana; o que vai permitir que a nosa cidade chegue a novos lugares”.

 

 Guía Monforte de Lemos  (Este arquivo é moi pesado e pode tardar en abrirse)  

 Plano Monforte de Lemos