25 de xaneiro de 2019. O Concello de Monforte dálle luz verde ás bases que van regular as actividades do Entroido deste ano. O primeiro dos eventos festivos programados é o concurso do xoves de compadres, que se vai celebrar o vindeiro 21 de febreiro. Unha semana máis tarde, o 28 de febreiro, a cidade do Cabe acollerá outra das citas imprescindibles destas datas: o xoves de comadres.
Por outra parte, o desfile de comparsas será o martes, 5 de marzo.
Xoves de compadres e de comadres
Tanto para o concurso do xoves de compadres como para o de comadres, a concellería de Cultura ten previstas tres convocatorias. Unha delas para os centros de ensino, outra para parroquias, barrios e rúas do Concello e por último, unha terceira de carácter individual.
Á hora de decidir os gañadores teranse en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, o interese etnográfico e a crítica social. Outros dos aspectos que sumarán puntos son a posta en escena e a utilización de música en vivo. Cómpre destacar que cada un destes criterios terá unha valoración mínima do 10% e a máxima será do 25% do total da puntuación.
Tanto no caso do xoves de compadres como no de comadres, os premios para cada unha das convocatorias son os seguintes:
Individuais Colectivos Premio á etnografía – 100 euros
1º premio – 65 euros 1º premio – 95 euros Premio á crítica social – 100 euros
2º premio – 35 euros 2º premio – 65 euros
Accésit – 18 euros Accésit – 30 euros
As solicitudes para inscribirse no concurso do xoves de compadres terán que presentaranse no Rexistro Xeral do Concello. O prazo para facelo remata o vindeiro 20 de febreiro ás 14 horas. No caso do xoves de comadres o último día para inscribirse é o 27 de febreiro.
Martes de Entroido
O día grande do Entroido será o martes, 5 de marzo.
O derradeiro día para poder inscribirse no concurso é o 1 de marzo.
O Concello establece dúas modalidades claramente diferenciadas: unha delas para as comparsas e disfraces de Monforte e outra para os que sexan de fóra da cidade. A diferenza estará na contía dos premios, de tal xeito que o primeiro premio para as comparsas de máis de 90 compoñentes pode chegar ós 1.000 euros e no caso das que sexan de fóra ascenderá a 350 euros.
Por outra parte, haberá premios de 100 euros para a mellor comparsa tradicional, para a mellor posta en escea e a mellor música en vivo, mellor humor e mellor crítica de actualidade.
O xurado cualificará as comparsas na propia Praza da Estación de 16:00 a 17:00 horas, mentres que os disfraces individuais deberán concentrarse nese punto da cidade ás 16:30 horas.