Monforte de Lemos, 13 de marzo de 2019. Na mañá de hoxe tivo lugar nas instalacións do concello de Monforte a presentación oficial do Campionato Galego de Voleibol Alevín, que se vai celebrar conxuntamente co Campionato Provincial Benxamín, e que terá lugar este sábado 16 de marzo no Pavillón Municipal da Pinguela de Monforte.
A presentación estivo presidida polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen estivo acompañado polo Director Deportivo da Federación Galega de Voleibol, Juan Carlos Suárez, a Presidenta do C.V. Ribeira Sacra, Yolanda Maciñeiras, o director deportivo do clube, Manolo Martínez, e varios adestradores dos equipos base do clube.
O Alcalde destacou que “para o Concello de Monforte sempre é un pracer albergar eventos deportivos de categorías de base. Ademais, temos o compromiso claro co deporte, de feito, neste momento duplicamos as axudas ós clubes e entidades deportivas, así como incrementamos as colaboracións en múltiples eventos deportivos de moi variadas disciplinas”.
Do mesmo xeito, o rexidor monfortino manifestou que “o vindeiro sábado estou seguro de que se poderá ver un auténtico espectáculo deportivo no Pavillón Municipal da Pinguela, xa que a instalación se preparou especificamente para o evento, instalando 9 campos de voleibol nos que se disputarán 9 partidos á vez ó longo da xornada de campionato.”
Do mesmo xeito, tanto a presidenta do C.V. Ribeira Sacra como o seu director deportivo agradeceron a boa disposición e acollida do Concello para poder levar a cabo este Campionato que supón “por primeira vez en Galicia a concentración de categorías alevíns nun mesmo campionato”.
O director deportivo da Federación resaltou o éxito en canto a participantes: 296 xogadores, 56 adestradores e 18 clubes, polo que se calcula unha afluencia de entre 1.200 e 1.500 persoas que se achegarán este sábado á cidade do Cabe, coa repercusión socioeconómica que isto supón. Isto supón, case un 20% máis de participantes con respecto a campionatos similares celebrados.
Os campionatos darán comezo ás 9:30 horas e os diferentes equipos enfrontaranse en 2 fases: unha primeira de liguiña e unha segunda eliminatoria ata chegar á final que enfrontará aos dous mellores de cada categoría. A entrega de premios está prevista para as 20:30 horas.