Presentado o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2018-2023 do Concello de Monforte de Lemos

                                               

Monforte de Lemos, 14 de marzo de 2019. O III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2018-2023 do Concello de Monforte de Lemos (III PlOMH) foi presentado hoxe ao persoal político, técnico e funcionarial municipal. A presentación desenvolveuse en dúas sesións, a primeira ás  12.30 horas dirixida ao persoal político e técnico do concello e a segunda ás 13.30 horas dirixida aos axentes sociais e económico do municipio.

A presentación correu a cargo de Paloma Seijo Anca, técnica de Senes desenvolvemento Comunitario empresa que prestou a súa asistencia técnica baixo a dirección, coordinación e desenvolvemento do persoal municipal do Centro de Información da Muller (CIM).

A presentación foi introducida polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen salientou que “o obxectivo deste III Plan de Igualdade é recoller nun documento o compromiso da actuación de todas as áreas municipais para, desde os seus distintos ámbitos e de forma transversal, se desenvolvan actuacións que nos leven a unha sociedade máis igualitaria. Con este compromiso pretendemos eliminar a discriminación por razón de sexo e acadar a igualdade de dereitos e oportunidades que debe ter toda a cidadanía de Monforte; non no Concello, no que xa está conquerida, senón no conxunto da sociedade.”

                                          

III PlOMH

Ao longo da vixencia dos anteriores Plans de Igualdade foron numerosos os materiais elaborados, os estudos e campañas realizadas, as actividades de sensibilización, xornadas, etc. Coa aprobación deste III PlOMH, o Concello de Monforte ven de ratificar o seu compromiso coa Igualdade, símbolo de identidade deste municipio, afianzando o camiño emprendido no ano 2009 co I Plan de Igualdade e renovado no 2013 coa aprobación do II Plan.

Desde a Concellería de Igualdade e o CIM detéctase que, a pesares de que hai evolución, na nosa sociedade aínda permanecen pautas culturais e estruturas sociais que lexitiman a negación e subordinación que historicamente padeceron as mulleres en relación cos homes.  Por este motivo o Concello de Monforte da un paso máis e elaborou este III Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, para que constitúa unha resposta eficaz ás necesidades da poboación de Monforte e logre unha igualdade real entre homes e mulleres.

Na elaboración deste III PlOMH implicáronse diversos axentes tanto públicos como privados, axentes sociais e organización non gobernamentais,  querendo agradecer a Concellería de Igualdade e o CIM, a todas estas persoas, o seu esforzo.

 III PIOMH-2018-2023 (III Plan de Igualdade de Monforte)