Monforte de Lemos, 22 de marzo de 2019. O Centro Cívico de Monforte acolleu a celebración da Xornada informativa de axudas e servizos para PEMES galegas, organizada polo Concello e a Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de informar a empresarios e emprendedores sobre as liñas de apoio establecidas por dita Consellería en materia de promoción empresarial.
A xornada foi todo un éxito pois nela participaron máis de 30 empresarios da zona, interesados en coñecer e participar nas diferentes liñas de axudas encamiñadas a mellorar os seus negocios ou a poñer en marcha as súas iniciativas empresariais. A xornada foi introducida polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen estivo acompañado polo Conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.
O alcalde de Monforte felicitou aos organizadores polo éxito de participación na xornada e destacou que “este tipo de iniciativas son necesarias en todo o territorio, pero son moito máis necesarias no interior de Galicia, onde o tecido empresarial é máis feble e necesitamos reequilibrar o territorio dende as administracións que teñen competencia para iso”. Neste senso, puntualizou que “debemos loitar tamén co despoboamento, que se agudiza máis en entornos rurais. Para elo, o fomento do emprego e das iniciativas empresariais son un eixo fundamental para conquerir a pervivencia da nosa sociedade.”
As liñas de apoio foron explicadas ós asistentes por Covadonga Toca Carús, Secretaria Xeral de Emprego, Pedro Arenas Barreiro, Director Área Servizos GAIN, e Curro López Martínez, Subdirector de Coordinación do IGAPE.
Tras as súas intervencións celebrouse un viño galego-Networking durante o cal os representantes da Consellería atenderon de xeito individualizado as consultas e dúbidas dos asistentes á xornada.