O Concello de Monforte convoca diversos concursos arredor da XVII Feira Medieval

Monforte de Lemos, 25 de marzo de 2019. A partir de mañá martes 26 de marzo, todo aquel que se queira apuntan nalgún dos 3 concursos convocados polo Concello de Monforte arredor da XVII Feira Medieval, que se celebrará o 20 e 21 de abril de 2019. Para inscribirse en calquera dos 3 concursos, os interesados deberán facelo, ata o 16 de abril, no Rexistro Xeral do Concello.

 

V Concurso de Decoración de Balcóns

O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores balcóns que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar os monfortinos e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

Neste concurso poderán participar neste concurso todos os balcóns sitos na cidade de Monforte. Tanto a temática como o deseño da decoración dos balcóns será acorde coa época medieval. Os balcóns participantes deberán de estar ambientados acorde coa época medieval como mínimo do 18 ó 21 de abril de 2019.

Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 100 euros, o segundo 75 e o terceiro 50 €.

A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de balcóns farase pública o sábado 20 de abril ás 19:30 h na propia Feira Medieval. Para elo, os seus membros valorarán a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados na decoración dos balcóns.

 

VI Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros

O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores establecementos comerciais e hostaleiros, a aqueles que acaden unha mellor ambientación medieval dos seus negocios; búscase así animar ós monfortinos e ós visitantes a participar na ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

Neste concurso poderán participar todos os establecementos comerciais e hostaleiros sitos na cidade de Monforte. Tanto a temática como o deseño da decoración dos locais será acorde coa época medieval. Os establecementos participantes deberán de estar ambientados acorde coa época medieval como mínimo do 18 ó 21 de abril de 2019.

Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 200 euros, o segundo 100 e o terceiro 75 €.

A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de establecementos comerciais e hostaleiros farase pública o sábado 20 de abril ás 19:30 h na propia Feira Medieval. Para elixir aos gañadores, o xurado terá en conta a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade, os materiais utilizados e a adecuada conxunción dos artigos comerciais do escaparate coa decoración medieval.

 

VIII Concurso de Traxes Medievais

O obxectivo deste concurso é premiar os mellores traxes medievais que luzan os participantes inscritos, e así incentivar os monfortinos e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

As modalidades do Concurso de Traxes Medievais son as seguintes, entendendo por infantil ata os 12 anos:

Adultos – Individual:

  • Parellas (2 compoñentes)
  • Grupos (a partir de 5 compoñentes)

Infantil – Individual:

  • Parellas (2 compoñentes)
  • Grupos (a partir de 5 compoñentes)

En canto ós premios deste concurso son os seguintes:

Adultos:

  • Individual= 1º premio: 75,00 €; 2º premio: 50,00 €
  • Parellas= 1º premio: 175,00 €; 2º premio: 125,00 €
  • Grupo= 1º premio: 275,00 €; 2º premio: 175,00 €

Infantil:

  • Individual= 1º premio: 50,00 €; 2º premio: 25,00 €
  • Parellas= 1º premio: 100,00 €; 2º premio: 75,00 €
  • Grupo= 1º premio: 175,00 €; 2º premio: 125,00 €

 

Os participantes no concurso concentraranse na Praza de España (a carón do Cruceiro) onde estará situado o xurado, ás 17:00 horas do sábado 20 de abril e de alí sairán en desfile por diferentes rúas monfortinas.

A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de balcóns farase pública o sábado 20 de abril ás 19:30 h na propia Feira Medieval. Os gañadores serán determinados en función de que os seus traxes foran realizados artesanalmente, da súa elaboración, da riqueza en complementos, da posta en escena, do material utilizado e do seu rigor histórico. Tamén se valorará a permanencia do participante co traxe posto durante os actos organizados durante a Feira Medieval, contribuíndo á animación do mercado coa súa presenza.

 Bases CONCURSOS 2019-feira medieval

 Solicitude-participación concursos XVII Feira Medieval