Monforte de Lemos, 26 de marzo de 2019. A Concelleira de Cultura de Monforte, Marina Doutón, e o vicepresidente da asociación Amigos Patrimonio de Lemos, Jorge Vila, ofreceron hoxe unha roda de prensa para dar a coñecer as diferentes actividades que se celebrarán baixo o título “1809: Os Franceses en Monforte”, xornada que ten por obxectivo conmemorar os sitios de Monforte polas tropas Napoleónicas no seu 210 aniversario.
No ano 2019, cúmprense 210 anos dos 3 asaltos a Monforte polas tropas francesas. Desde a Asociación Amigos do Patrimonio de Lemos e o Concello de Monforte, dispoñémonos a celebrar esta efeméride como corresponde. Para iso creouse unha comisión encargada de elaborar un programa de eventos e actividades que pretenden, ao longo do ano 2019, celebrar unha serie de actos para que estes feitos históricos teñan a divulgación e o protagonismo que lles corresponde dentro das batallas que se libraron na Guerra de Independencia contra os franceses en Galicia.
Deste xeito, no mes de xuño, coincidindo co terceiro sitio (do 4 ao 11 de xuño) ao que someteron os franceses á cidade de Monforte, celebraranse 2 conferencias arredor desta temática e que correran a cargo de Margarita Rodríguez Otero y José Fernando Navas Ramírez-Cruzado.
Pero antes destas conferencias, durante o que resta do presente curso escolar, celebraranse 9 ciclos de charlas nos centros educativos monfortinos, que correrán a cargo de Felipe Aira e que teñen por obxectivo achegar aos escolares este período descoñecido pero importante da historia de Monforte.
Conmemoración dos enfrontamentos coas Tropas Napoleónicas en 1809
Poucas veces na historia os monfortinos amosaron tanta determinación como en 1809 para expulsar ós franceses da nos aterra. Este episodio, tráxico, no que desapareceu unha porcentaxe de poboación que alcanza as 400 persoas, é descoñecido.
Nas crónicas de guerra contra o invasor Monforte non aparece coma un escenario onde se desenvolveu un enfrontamento entre dous exércitos, con artillería ou grandes movementos de tropas. Pero sufriu 3 asedios nos que se contabilizaron máis mortes que noutras batallas que si adquiriron fama.
O primeiro sitio en Monforte, que tivo lugar o 18 de xaneiro de 1809, case coincidiu coa famosa batalla de Elviña (16 de xaneiro); o segundo sitio, acaecido o 20 de abril, coincide tamén coa batalla no Casal de Eirigo (27 de abril); e o terceiro, entre o 4 e o 11 de xuño, sucede simultaneamente coa batalla de Ponte Sampaio (do 7 ó 9 de xuño).
Para facerse unha idea das consecuencias que tiveron estes sitios baste mencionar dous datos extraídos do libro de defuncións da igrexa de Santa María de Régoa: en todo o ano 1808 recóllense 330 falecidos, e no día 20 de abril de 1809 a cantidade é de 400 mortos.
En Monforte creouse unha das primeiras Xuntas de Defensa de Galicia, dirixida polo abade do Mosteiro de San Vicente do Pino, frei José Beda Peña. O Batallón de Monforte foi o primeiro en loitar en Galicia contra os franceses, sendo a primeira rexión de Europa en sacudirse a ocupación napoleónica; seguiría loitando ata 1814. Ambos organismos foron eloxiados polos seus contemporáneos con entusiasmo; pero hoxe nada os lembra na cidade.
Moitos escoitamos falar do mariscal Soult ou dos Dragóns de Fournier, pero moi poucos da súa relación con Monforte. Aínda menos serán os que coñezan a actividade nas nosas terras do capitán Antonio Ponce e de García de Barrio. Pero o máis grave é que ninguén lembre os miles de paisanos que falaban galego “con acento do Val de Lemos e a peito descuberto”, como escribiu Lois Diéguez, e que colectivamente foron protagonistas dos feitos.
Non importan as razóns que os moveron e se realmente a causa pagaba a pena. O que hai que valorar é que as conviccións dos nosos antepasados eran tan fortes que os impulsaron a actuar con decisión e asumir unhas consecuencias irreversibles. Só por iso, tanto os falecidos como os que sobreviviron facendo fronte á ocupación, resistindo na terra ou loitando ata o final da guerra, merecen que os rescatemos do esquecemento.