Monforte de Lemos, 9 de abril de 2019. Dende a Concellería de Igualdade a través do Centro de Información á Muller dentro da programación organizada co gallo do 8 de marzo “Día Internacional da Muller”, mañá mércores 10 de abril, de 12.35 a 14.15 no IES A Pinguela terá lugar a última sesión dos Obradoiros de Autodefensa Feminista e de Novas Masculinidades.
A actividade vai dirixida ao alumnado de 1º BAC, segregando ao alumnado por sexo, é dicir levaranse a cabo dous obradoiros simultáneos, un de Autodefensa Feminista para nenas nas dependencias deportivas do Pavillón e outro de Novas Masculinidades para nenos na Aula de Ciencias de Bacherelato.
O Obradoiro de Autodefensa feminista será impartido Mai Insua (Psicóloga e Terapeuta sexual especializada en xénero, cinturón marrón de Taekwondo e Formadora de Autodefensa Feminista) de Lésbicas Creando, no que se traballará a autodefensa feminista dun modo integral e a todos os niveis, potenciando nas mozas as súas propias claves de seguridade a través de dinámicas grupais facendo un traballo progresivo e interdisciplinar, abordando tanto técnicas físicas como elementos emocionais logrando crear e ampliar as posibilidades de defensa fronte ás violencias.
O Obradoiro de Novas Masculinidades será impartido por Xosé Expósito (Educador Social membro da Asociación Micromachiños) no que se traballará o concepto de novas masculinidades, é dicir dende unha perspectiva feminista visibilizarán os roles asinados a homes e mulleres e os mecanismos a través dos cales a socialización sexista induce a un desequilibrio de poder que privilexia aos homes sobre as mulleres pero tamén desmontarán o mito do privilexio masculino mediante a identificación do modelo de masculinidades hexemónica e as carencias a moitos niveis que este modelo implica. Revisando o noso modelo de ser homes e aportando ideas para un novo modelo de masculinidade que contribúa a igualdade e a un desenvolvemento persoal máis profundo.