Concurso para a xestión do servizo de transporte municipal-Bus Urbano de Monforte

Monforte de Lemos, 7 de maio de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo concelleiro de Servizos, José Luis Losada, compareceron hoxe en rolda de prensa para dar conta e informar dun acordo relevante da Xunta de Goberno municipal que se celebrou no día de onte, luns día 6 de maio, cumprindo cun compromiso do Equipo de Goberno de sacar adiante o concurso para a xestión do servizo de transporte municipal, máis coñecido como bus urbano.

O alcalde salientou que “para nós, o transporte público forma parte da política social do goberno municipal, que aínda que polo tamaño da cidade non temos a obriga de dispoñer de autobús de transporte urbano, eu como Alcalde sempre tiven clara a vontade de manter e mellorar os servizos públicos ós monfortinos, como por exemplo o bus urbano.”

Monforte é unha cidade moi extensa superficialmente, con distancias considerables entre algúns barrios e mesmo a periferia co resto da cidade, como poden ser as parroquias semiurbanas de Piñeira e de Ribasaltas, así como o Cemiterio, e por estes motivos entre outros, desde o goberno monfortino decidiuse manter e mellorar este servizo municipal de transporte como é o bus urbano.

O rexedor local destacou asímesmo que “o actual servizo municipal leva en precario dende decembro de 2004, preto de 15 anos, cando quedou sen resolver un concurso que se levou a cabo naquel ano. Ó non ser resolto aquel concurso, o Concello de entón encargoulle en precario á empresa que actualmente presta o servizo, cun custe para o Concello de 67.620,40 euros.”

Novo servicio de bus urbano, de carácter gratuíto

Por este motivo, desde Equipo de Goberno pensouse que despois de case 15 anos en precario, é necesario sacar este servizo de transporte público a concurso público, para prestar este servizo dende a legalidade e cun vehículo que cumpra os requisitos necesarios para dar un bo servizo ós veciños e veciñas de Monforte.

O novo servizo de bus urbano, deberá ter as características dun servizo moderno, accesible e adaptado, co fin de poder dar resposta ás necesidades de todas as persoas, incluídas as que teñan mobilidade reducida ou teñan algunha discapacidade.

Ademais, dende o Equipo de Goberno quérese darlle ó novo servizo de transporte urbano, un marcado carácter social, por iso tomouse a decisión de que, cando entre en servizo o novo autobús de transporte municipal, será GRATUÍTO para todos os veciños e veciñas de Monforte. Deste xeito, o de Monforte sería un caso único caso en prestar un servizo municipal de transporte gratuíto para favorecer ós colectivos que máis o necesitan.

Estes dous colectivos, como son os maiores e os xóvenes, son xeralmente os que teñen máis dificultades económicas, no caso dos maiores por ter en moitos casos pensións moi baixas, e no caso dos estudantes porque loxicamente carecen de ingresos propios.

Ademais dos maiores e dos xóvenes, esta nova situación tamén beneficia loxicamente a outras persoas en situación de desemprego, persoas que sexan perceptores do RISGA, familias numerosas ou que perciben algún tipo de axuda económica de pequena contía.

“En resumo”, apuntou o Alcalde “queremos que o autobús de transporte municipal cumpra un fin social e, ó mesmo tempo, axude a fomentar e a concienciar sobre o uso do transporte público, pasando a ser Monforte, unha cidade pioneira en transporte público gratuíto.”

 

Características do novo bus urbano de Monforte

O novo contrato será de 10 anos e terá un custe de 79.345,59 euros por ano, aproximadamente uns 12.000 euros anuais más do que viña costando ata o de agora, pero cunha cuestión importante a ter en conta, como é que ó remate dos 10 anos de contrato o autobús pasa a ser propiedade do Concello.

A vantaxe que terá esta circunstancia para o futuro, é que cando se faga un novo contrato, o servizo sairá máis barato debido a que xa non haberá que comprar o autobús porque a vida útil é superior ós 10 anos, e polo tanto non será necesario pagar a cuota de amortización do autobús.

Para o novo servizo de autobús, deberá tratarse dun vehículo novo e que cumpra coas seguintes características:

 

  • Deberá dispoñer de 25 prazas, 15 sentadas e 10 de pé, e para elo irá dotado das barras de subxección verticais e horizontais regulamentarias. Poderán aumentarse o número de prazas si así o ofertan como mellora as empresas que participen no concurso, e seralles tido en conta na valoración da súa oferta.
  • Contará con 2 prazas para persoas con mobilidade reducida, o que se denominan prazas PMR.
  • Terá unha plataforma ou rampa de acceso para discapacitados.
  • Contará cun emisor de billetes mecánico que lle permita facilitar datos mensuais de viaxeiros ou de facturación se fose o caso no futuro, para coñecer o uso que fan deste servizo os cidadáns.
  • Levará letreiros nunha pantalla dianteira con avisos ou anuncios que decida o Concello.
  • O vehículo deberá levar incorporada unha pantalla de televisión informativa con datos facilitados polo Concello, para que os usuarios poidan saber a ruta, os horarios e incluso avisos ou mensaxes publicitarias e comerciais.
  • En caso de avaría ou reparacións de mantemento do autobús urbano, a empresa adxudicataria deberá comprometerse a contar cun vehículo de substitución, xa sexa propio ou alugado temporalmente, de modo que o servizo non se vexa interrompido.
  • O novo autobús deberá ir provisto dun rótulo que o identifique como autobús de transporte urbano de viaxeiros de Monforte de Lemos.
  • O servizo que se vai prestar o novo autobús será de luns a venres dende as 8 da mañá ata as 8 da tarde, de forma ininterrompida, e os sábados de 8 da mañá a 2 da tarde.

“Con este acordo”, concluíu o Alcalde “a Xunta de Goberno da un paso importante para modernizar un servizo que se viña prestando dende fai moitos anos na nosa cidade, pero que na práctica nunca tivo un autobús axeitado para o transporte urbano, polo que cremos que vai ser unha mellora importante para os veciños e veciñas de Monforte”.

O concurso será publicado este venres día 9 de maio no Perfil do Contratante e na Plataforma de Contratos do Sector Público do Ministerio de Hacienda, que será quen o publique no DOCE, que e o Boletín Oficial da Unión Europea. A partir da publicación no DOCE será cando as empresas interesadas poidan enviar as súas ofertas.