Monforte de Lemos, 20 de maio de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu hoxe ós 3 auxiliares de policía local que se incorporan hoxe ó servizo na cidade de Monforte.
Nesta primeira toma de contacto, o Alcalde aproveitou para departir cos 3 axentes auxiliares sobre o funcionamento do corpo da Policía Local e outros aspectos relacionados coas súas futuras funcións na cidade e no conxunto do Concello.
Os policías auxiliares que se incorporan hoxe ó servizo son os tres primeiros dos seis que o Concello de Monforte vai contratar este ano. Será a finais do mes de novembro cando rematen a súa actividade, sendo o seu contrato de 6 meses.
Os outros 3 auxiliares de policía local comezarán o seu servizo a principios do mes de xullo e rematarán o seu contrato en decembro do presente ano.
Actualmente a plantilla da Policía Local de Monforte está formada por 14 axentes, dos cales 3 deles son os axentes que actualmente están a realizar a primeira fase do curso de formación na Academia Galega de Seguridade de A Estrada, logo de seren nomeados como funcionarios en prácticas polo rexedor monfortino a mediados do mes de abril.
Os tres axentes continuarán nesta primeira fase formativa ata finais do mes de xuño. Tras ela, durante os meses de xullo e agosto iniciarán un período de prácticas no Concello de Monforte.
Logo deste período práctico, completarán unha segunda fase formativa na Academia Galega de Seguridade e, toda vez que superen este proceso formativo, está prevista a súa incorporación como policías locais do Concello de Monforte no mes de novembro deste ano 2019.