Novos alumeados na praza da Estación e barrio Valle de Lemos, e novas marquesiñas na Residencia xeriátrica do Morín e no Colexio Novo


                                        Alumeado novo na Praza da Estación 

 

Monforte de Lemos, 23 de maio de 2019. O Concello de Monforte informa da entrada en servizo de novos servizos e melloras que se veñen de levar a cabo na cidade, tanto no relativo á iluminación en barrios e rúas como na dotación de mobiliario urbano, neste caso novas marquesiñas en paradas de autobús.

Nova iluminación na Praza da Estación e no barrio Valle de Lemos

O Concello ven de dotar de melloras significativas ó servizo de alumeado de dúas zonas da cidade de Monforte.

Dunha banda, levouse a cabo unha mellora na iluminación pública na Praza da Estación, mellora que da continuidade á xa levada a cabo nas rúas Calvo Sotelo e Coruña. A brigada municipal de servizos procedeu á substitución das vellas luminarias de sodio, de alto gasto enerxético, por luminarias de aloxenuro metálico de 70 W. Isto supón proporcionar un mellor servicio de iluminación non só para os veciños desta zona da cidade, senón tamén para os usuarios que acceden á estación de tren para facer uso do transporte ferroviario.

Doutra banda, no Valle de Lemos a brigada municipal de servizos realizou o cambio de 28 luminarias de sodio (luz amarela) por outras tantas de aloxenuro metálico (luz branca) de 150 W. Deste xeito, conseguiuse unha mellor iluminación á vez que se reduce o gasto enerxético.

 

Novas marquesiñas de autobús na Residencia Xeriátrica do Morín e no Colexio Novo

Nesta semana procedeuse á instalación de novas marquesiñas de madeira co obxectivo de mellorar o servizo en paradas de autobús que contan na cidade cun alto número de usuarios.

Deste xeito, ubicáronse 2 marquesiñas fronte á Residencia Xeriátrica do Morín, en resposta á demanda de moitas persoas que habitualmente visitan ós seus familiares en dito centro xeriátrico e que non contaban cunha infraestrutura axeitada para esperar ó autobús e poder gorecerse así do sol ou da choiva.

Tamén se ubicaron outras 2 marquesiñas no estacionamento para autobuses do Colexio Novo, co fin facilitar que os alumnos deste centro educativo poidan gorecerse con garantías mentres esperan o autobús escolar. Deste xeito, refórzase un servicio nun centro que conta cun elevado número de usuarios, que se verán beneficiados con este novo reforzo de mobiliario urbano.

En todos os casos, estas marquesiñas, elaboradas en madeira tratada de alta resistencia a exteriores, dan resposta ás demandas e necesidades dos cidadáns de Monforte.

 


Novas marquesiñas Residencia xeriátrica do Morín