Monforte de Lemos, 29 de maio de 2019. O Concello de Monforte informa de que se vai levar a cabo a recollida de plásticos agrícolas a principios deste mes de xuño. A data elixida para esta actuación coincide coa época na que os gandeiros e labregos necesitan desfacerse dun gran volume de plásticos, procedentes basicamente do ensilado de herba.
A recollida de plásticos agrícolas será o luns 3 de xuño, dende primeira hora da mañá e ó longo de toda a xornada, nos lugares que a continuación se especifican:
Marcelle (campo da festa); Gullade, Nocedas e A Penela (saída das Nocedas a Gullade, antigo parque infantil); Vilamarín (campo da festa); Santa Mariña e Caneda (Campo da Pousa); Bascós, Chavaga e Sindrán (local social de Bascós); Reigada e Fontes de Reigada (Praza Mourelo); Piñeira (no Listo); A Parte e Valverde (campo da festa de Proveiros); Chao do Fabeiro (campo da festa); Moreda, San Xoan, San Xulián e Seoane (local social de San Xoan de Tor); Fiolleda (estrada a Currelos); Baamorto (campo de fútbol).
O plástico deberá depositarse dobrado e atado, para facilitar o seu manexo e evitar a súa dispersión, os días previos ó da recollida (sábado 1 e domingo 2 de xuño), nos lugares previamente sinalados.
Este servizo de recollida de plásticos agrícolas non ten ningún custe para os labregos e, ademais, contribuirá de xeito importante á conservación do medio ambiente. Trátase da undécima recollida deste tipo que se vai efectuar en Monforte. A primeira foi en xaneiro de 2008.
O custo deste servizo, contratado coa empresa XIMA, será asumido exclusivamente polo Concello de Monforte. A recollida realizarase en tódalas parroquias que xeran plásticos e, dende alí, trasladaranse ata o punto de reciclaxe.
Os pedáneos das diferentes parroquias son coñecedores, dende hai días, desta recollida de plásticos agrícolas e dos lugares e a data na que se vai realizar, resultando fundamental a súa colaboración, tal e como sucedera nas anteriores recollidas, para lograr unha gran efectividade. Ademais, colocáronse carteis nos lugares habituais en tódalas parroquias.
O Concello anima ós veciños a participar na recollida e a achegar os plásticos agrícolas ós lugares indicados que lle queden máis próximos.
Por outra parte, cómpre destacar que outro xeito de eliminación destes residuos agrícolas é achegalos ó Punto Limpo do Concello en calquera data do ano. As anteriores recollidas de plásticos agrícolas nas parroquias do concello de Monforte tiveron unha gran resposta por parte de labregos e gandeiros.
O Concello, agradece a preocupación dos labregos e gandeiros por eliminar correctamente este tipo de residuos e, deste xeito, contribuír ó coidado e mellora da contorna ambiental. Así mesmo, agradece o traballo realizado polos pedáneos para difundir entre os seus veciños a existencia deste servizo.