O luns 3 de xuño ábrese o prazo para inscribirse nas actividades do Programa Deportivo de Verán de Monforte

Monforte de Lemos, 29 de maio de 2019. O Concello de Monforte pon en marcha o Programa Deportivo de Verán 2019 que este ano contará cun gran número de actividades deportivas que se celebrarán durante os meses de xullo e agosto, e que están organizadas tanto directamente polo Concello de Monforte, como por parte de Clubs e Entidades Deportivas que colaboran con Sistema Deportivo Local.

Os obxectivos que persegue o Concello de Monforte coa posta en marcha do programa son ofrecer unha alternativa lúdica, deportiva e de ocio para que nenos/as e rapaces/as de Monforte invistan o seu tempo libre, en época de vacacións escolares, en actividades físico deportivas que lles inculquen hábitos de vida saudables, desenvolvan as súas habilidades sociais e de relación cos demais a través do deporte así como o fomento de valores como a autoestima, tolerancia e superación, entre outros. Tamén se pretende contribuír á conciliación da vida laboral e familiar de homes e mulleres en época de vacacións escolares.

 

 

As actividades que forman parte do Programa Deportivo de Verán de Monforte 2019 son as seguintes:

  • Campamento Deportivo de Verán durante o mes de xullo, distribuído en dúas quincenas.
  • Campus de Volei Praia Club Korbis – Club Fluvial, do 1 ó 31 de xullo.
  • V Depor Campus – Monforte, do 15 ó 19 de xullo.
  • XIII Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo, do 5 ó 9 de agosto.
  • VI Campus de Voleibol Ribeira Sacra Monforte, do 19 ó 23 de agosto
  • VIII Campus de Baloncesto Cidade de Monforte, do 26 ó 30 de agosto
  • Cursos de tenis durante os meses de xullo e agosto
  • Campus de Ximnasia Rítmica, do 2 ó 8 de setembro
  • Actividades dirixidas e cursos de natación na Piscina Climatizada Municipal durante os meses de xullo, agosto e setembro.

 

Todas as persoas interesadas en recibir información e inscribirse nalgunha das actividades que forman parte da programación de verán, poderano facer a través das Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude, sitas nas Casiñas da Compañía, a partir do vindeiro luns 3 de xuño en horario de 9:00 a 14:00 h.

Para evitar colas á hora de realizar as inscricións as actividades abrirán o prazo de inscricións de xeito progresivo en función da súa data de celebración. Pódense consultar as normas de inscrición e o díptico informativo para coñecer os días de apertura do prazo de inscricións de cada unha das actividades.

Do mesmo xeito, para consultar toda a información relativa ó Programa Deportivo de Verán na sección de deportes da web do Concello, no seguinte enlace

 

 FOLLETO PROGRAMA DEPORTIVO DE VERÁN 2019

 

Lembramos tamén que está a disposición de todos veciños e veciñas de Monforte a nova plataforma de reservas online de Instalacións Deportivas Municipais nas que durante os meses de verán haberá un importante número de horas libre para o seu uso. O reserva pódese facer na sección de deportes, apartado instalacións deportivas, da páxina web do Concello de Monforte.