Monforte de Lemos, 4 de xuño de 2019. O vindeiro venres 7 de xuño a partires das 20:15 horas no Salón de Actos do Centro do Viño de Monforte terá lugar a terceira das actividades que se engloban baixo o título “1809: Os Franceses en Monforte”, ciclo que ten por obxectivo conmemorar os sitios de Monforte polas tropas napoleónicas no seu 210 aniversario, e que foi presentado o pasado mes de marzo no Concello de Monforte. Este ciclo, organizado dende a concellería de Cultura, faise en colaboración coa asociación de Amigos Patrimonio de Lemos.
Tras a conferencia celebrada o pasado venres 31 de maio, e que correu a cargo de Margarita Rodríguez Otero, o vindeiro venres 7, terá lugar a terceira das actividades previstas neste ciclo. Consistirá nunha nova conferencia titulada “Guerra da Independencia en Galicia: O Batallón Monforte e a heroica xente de Lemos”, charla que será impartida por José Fernando Navas Ramírez-Cruzado.
José Fernando Navas Ramírez-Cruzado
José Fernando Navas é Coronel de Artillería en situación de retirado e o seu último destino foi o Centro de Historia e Cultura Militar Noroeste como Director do Museo Militar da Coruña (2005-2011).
Como militar exerceu a profesión no seu:
- Aspecto táctico (Mando de Unidades Paracaidistas, Baterías de Campaña, e Costa, así como Xefe do Rexemento de Lanzacohetes, e Comandante Militar de Astorga).
- Carácter técnico (Electrónica e Direccións de Tiro).
- Ensino (Profesor de Electrónica e Educación física).
- Aspecto Táctico-estratéxico (Diplomado de Estado Maior dos Exércitos de España e Portugal).
- E aspecto cultural (Director de Museos Militares pola Universidade Complutense, Heráldica e Bibliotecario). Ten acreditado o nivel 4 OTAN do idioma portugués. É buceador escafandrista e realizou traballos de arqueoloxía submarina en Cádiz.
Desde os seus diferentes destinos durante quince anos no Estado Maior da Capitanía da Coruña, participou activamente na cooperación entre as sociedades civil e militar da Rexión Noroeste, con actividades tan variadas como a organización dos actos de Homenaxe á Bandeira, a dirección de protocolo e cerimonial, a coordinación das operacións de apoio contra os incendios estivais, e a coordinación dos tres Exércitos desde a Torre de Control Marítimo con ocasión da catástrofe do buque Prestige.
É autor dos libros “Los ejércitos Gallegos contra Napoleón en la Guerra de la Independencia” (Premio Fernando Arenas 2004), “Libertad y Victoria; Diego del Barco, héroe coruñés de la Guerra de la Independencia”, “Victorias de Galicia, Guerra de la Independencia”, y “1808-1814 La Historia y su Enseñanza”.
É ademais coautor dos libros: “Heráldica Institucional” volumen LIX del Proyecto Galicia de Hércules Ediciones, ”Al servicio del Protectorado, España en Marruecos 1912-1956)”, e “Historia de la Artillería de Costa Española”; así como do prólogo dos libros: “Dos de Mayo de 1808” de Arsenio García Fuertes, “El Manuscrito apócrifo de Elviña” de José Domingo Vales e “Por Vida de tres Reyes” de Luis Valiño.