Monforte de Lemos, 17 de xuño de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe a convocatoria do Pleno de Organización da Corporación Municipal, co obxectivo de axilizar a posta en marcha de todos os órganos do Concello, para que se poidan convocar xa reunións para tomar decisións sobre cuestións importantes, como poden ser os orzamentos. Este Pleno de Organización terá lugar este xoves día 20 ás 8 da tarde.
Neste senso, como aspecto destacado, o rexedor municipal salientou que “é a miña vontade cumprir o compromiso de levar a Pleno o proxecto de Orzamento a principios do mes de xullo, co obxectivo de que a publicación definitiva e a súa entrada en vigor sexa a finais de xullo.”
Deste xeito, o calendario previsto é o seguinte:
- Hoxe luns terá lugar a convocatoria do Pleno de Organización.
- Día 20 de xuño, celebración do Pleno de Organización.
- Ata o día 25 de xuño, é o prazo que teñen os Grupos Municipais para designar os seus representantes nas Comisións Informativas.
- O día 26 de xuño, convocatoria da Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas para estudiar o proxecto de orzamento municipal.
- O día 1 de xullo celebrarase a Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas.
- Ese mesmo día 1 de xullo, convocatoria dun Pleno Extraordinario para aprobar o orzamento municipal para o presente ano 2019.
- O día 4 de xullo terá lugar o Pleno Extraordinario no que será aprobado o orzamento.
- O día 6 de xullo publicarase o orzamento no BOP.
- O día 29 de xullo rematará o prazo de reclamación.
- O día 31 de xullo publicarase definitivamente e entrará en vigor o orzamento municipal para 2019.
Se hai reclamacións:
- O día 2 de agosto: Convocatoria da Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas.
- O día 7 de agosto: Pleno extraordinario
- O día 9 de agosto publicarase no BOP.
Por outra banda, o Alcalde de Monforte tamén deu a coñecer as propostas que debe aprobar o Pleno da Corporación, e que son as seguintes:
- Periodicidade dos Plenos: Celebrarase un Pleno mensual, os últimos luns de cada mes, excepto o mes de agosto que non haberá Pleno Ordinario. O horario de celebración será ás 20 horas durante todo o ano. O primeiro Pleno Ordinario será no vindeiro mes de xullo.
- Grupos Políticos: Ó amparo da Lei 5/1997, de 22 de xullo, reguladora da Administración Local de Galicia, según o artigo 74.4 da citada Lei, e tendo en conta os resultados das Eleccións Municipais celebradas o pasado 26 de maio de 2019, corresponde constituír 3 grupos municipais: PSOE, PP e Grupo Mixto, formado por Esperta Monforte e BNG.
- Composición das Comisións: serán 10 membros por comisión: PSOE, 6; PP, 2; Esperta Monforte, 1; BNG, 1. E proporase a constitución de 2 comisións: Comisión Xeral de Asuntos do Pleno e Comisión de Facenda e Especial de Contas.
- Representantes nos Colexios: A proposta será de 4 representantes para o PP, 1 para BNG, 1 para Esperta Monforte e todos os demais órganos e entidades, o Alcalde ou persoa en quen delegue.
- Dedicacións ó Concello: O Alcalde explicou que de inicio será 2 as dedicacións de membros do Goberno, igual que na actualidade, debido a que “temos o Orzamento prorrogado e ata que non haxa novo orzamento non se poden variar as dedicacións”. As dedicacións poderán ser completas ou parciais según as necesidades de organización do Goberno Municipal. Cando se aprobe o Orzamento, a proposta será de 3 dedicacións, as mesmas que no mandato de 2007 a 2011, cando o BNG tivo unha maioría absoluta de 9 concelleiros.