Monforte de Lemos, 29 de xuño de 2019. A celebración da terceira edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que terá lugar a vindeira fin de semana no Paseo do Malecón, vai obrigar a realizar restricións ó tráfico xa dende o martes.
En concreto, dende as 6:30 horas do 2 de xullo non vai ser posible estacionar nin circular ó longo de todo o Paseo do Malecón. Tampouco vai ser posible que os coches accedan polo tramo de enlace coa rúa Doctor Casares, ó lado do ambulatorio. Estas restricións comezarán antes do venres, posto que será necesario realizar a montaxe das instalacións do festival.
Por iso, os axentes da policía local van desviar o tráfico de entrada ó centro de Monforte pola Ronda María Emilia Casas Baamonde. Está previsto que se coloquen sinais e paneis informativos nas zonas afectadas.
O Festival do Viño remata o domingo día 7, pero estas restricións vanse manter ata o luns día 8, posto que ese día haberá que desmontar todas as carpas.