Monforte de Lemos, 1 de xullo de 2019. Hoxe deron comezo algunhas das actividades que forman parte do Programa Deportivo de Verán que o Concello de Monforte organiza para os meses de xullo e agosto e que inclúe actividades organizadas directamente polo Concello e actividades organizadas por Clubs e Entidades Deportivas de Monforte.
En particular deu comezo o Campamento Deportivo de Verán que terá lugar durante o mes de xullo repartido en dúas quincenas. Son un total de 250 nenos e nenas de entre 5 e 14 anos que durante este mes desfrutarán dunha completa actividade que inclúe un gran número de modalidades deportivas e talleres.
Hoxe tamén deron comezo os cursos de tenis que se impartirán os luns e os mércores do mes de xullo e no que están matriculados 13 nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, e o Campus de Volei Praia que organiza o Club Korbis nas instalacións do Club Fluvial e co que colabora o Concello de Monforte. Neste campus están inscritos un total de 63 nenos e nenas que desfrutarán desta actividade entre o 1 e o 31 de xullo.
Os obxectivos que persegue o Concello de Monforte coa posta en marcha deste programa son ofrecer unha alternativa lúdica, deportiva e de ocio para que nenos/as, rapaces/as de Monforte invistan o seu tempo libre, en época de vacacións escolares, en actividades físico deportivas que lles inculquen hábitos de vida saudables, desenvolvan as súas habilidades socias e de relación cos demais a través do deporte así como o fomento de valores como a autoestima, tolerancia e superación, entre outros. Tamén se pretende contribuír á conciliación da vida laboral e familiar de homes e mulleres en época de vacacións escolares.