O Alcalde de Monforte presenta dúas obras de mellora nas rúas Chamoso Lamas e Benito Vicetto

Monforte de Lemos, 11 de xullo de 2019. Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer aos medios de comunicación dúas obras de mellora nas rúas Chamoso Lamas e Benito Vicetto. O Alcalde sinalou que “despois das eleccións municipais, manifestamos a nosa intención de continuar levando a cabo proxectos de mellora que tiñamos previsto dende finais do pasado mandato, que son varios e que iremos dando conta deles nos próximos días, ó longo do verán, para seguir gobernando con intensidade dende o principio do novo mandato”.

 

Rúa Chamoso Lamas

As obras de mellora na rúa Chamoso Lamas dan continuidade ás que se fixeron fai aproximadamente un ano dende Rioseco ata o medio das Cruces, e agora do que se trata é de continuar mellorando esa rúa dende o centro das Cruces ata a rúa Valle-Inclán xunto ó paso a nivel da vía de Castela. 

Deste xeito, as actuacións que se propoñen no proxecto son unha regularización do ancho desta vía, que aumenta con respecto á actual, ata acadar un mínimo de 6 metros que permitan obter 2 carrís de 3 metros en dobre dirección. Para elo, vai ser necesario a apertura de caixa en zonas de terra para o posterior recheo con zahorra compactada e rego asfáltico para regularizar o firme en relación ó existente.

Inclúese tamén neste proxecto a dotación dun novo alumeado no treito que vai dende o transformador que hai no inicio do Barrio das Cruces ata a rúa Valle-Inclán, substituíndo as actuais farolas de boia, que son moi antigas e de pouca luminosidade, por outras farolas novas máis altas e que proxecten a luz cara ó firme da rúa.

Construirase tamén en Chamoso Lamas un redutor de velocidade na parte recta do centro das Cruces fronte á Estación de Ferrocarril, nas proximidades da pasarela sobre a vía do ferrocarril que conecta o Barrio das Cruces con Calvo Sotelo.

Na parte inicial da rúa Chamoso Lamas partindo da rúa Valle-Inclán en dirección ás Cruces, tamén será colocada unha barandilla metálica galvanizada para dotar a esta vía de máis seguridade, dado que entre a rúa e a finca colindante hai un desnivel considerable de preto de 2 metros, o que vai dar seguridade tanto ós condutores como ás persoas que pasen polo lugar.

Unha vez feitas as obras de fábrica, a rúa Chamoso Lamas será dotada dunha nova capa de aglomerado en quente de 5 cm. nunha lonxitude de 570 metros.

Finalmente será sinalizada e pintada con marcas viales, símbolos e letreiros, con pintura reflexiva e microesferas de vidro que melloran a visibilidade en noites escuras ou cando hai brétema, co obxectivo de mellorar a seguridade de todos os usuarios. Deste xeito, o Barrio das Cruces vai ter unha comunicación nova e axeitada co resto da cidade, tanto polo Barrio de Rioseco como pola Florida.

O custe deste proxecto é de 48.397,08 euros e foille adxudicado á empresa Ovisa.

“Os traballos nesta rúa darán comezo hoxe mesmo co traslado dalgunha maquinaria e mañá venres darán comezo os traballos sobre a propia rúa” concluíu o Alcalde.

 

Rúa Benito Vicetto

O rexedor monfortino destacou que “para o Equipo de Goberno, a mellora da rúa Benito Vicetto ten moita relevancia porque é unha das entradas máis importantes á cidade de todos aqueles que proceden da estrada de Castro Caldelas, e da Nacional 120, tanto si proceden de Ponferrada como si proceden de Ourense.”

Así, nesta obra, procederase a unha regularización do firme e onde haxa algún afundimento do mesmo. Dotaranse de pases de rexiña xunto ós alcorques das árbores para facilitar a circulación da auga sen que teña que saír cara a rúa. Tamén se levantarán as tapas de arquetas e pozos de rexistro así como os sumidoiros. Posteriormente, será dotada dunha nova capa de aglomerado en quente cun espesor de 5 centímetros.

Finalmente, será sinalizada tanto vertical como horizontalmente procedendo a unha nova distribución das liñas do pavimento que van facilitar a circulación dos vehículos, os estacionamentos e os pasos de peóns.

O custe desta obra é de 48.113,75 euros que lle foi adxudicada tamén á empresa Ovisa, e os traballos darán comezo cando rematen na rúa Chamoso Lamas.

O Alcalde concluíu destacando que “entre os dous proxectos, supón un investimento acumulado de preto de 100.000 euros, concretamente 96.510,83 euros, que van supoñer unha mellora importante en dúas zonas da cidade”.