Mañá clausúrase o IV Coworking de Monforte coa celebración do Demo Day

Monforte de Lemos, 17 de xullo de 2019. O Centro Cívico de Monforte acolle mañá a partir das 17:00 h o acto de clausura do IV Coworking de Monforte-Demo Day no que se presentarán os 18 proxectos xurdidos das diferentes xornadas técnicas e formativas ás que acudiron os 22 participantes no mencionado Coworking, que deu comezo o pasado mes de xaneiro.

O evento conta co apoio do IGAPE, a Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria, o Fondo Social Europeo e o Concello de Monforte de Lemos. No acto de clausura está prevista a asistencia de representantes do IGAPE así como da Consellería de Economía e da Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada.

 

IV Coworking de Monforte

O Espazo Coworking de Monforte de Lemos contou coa participación dos responsables de 22 proxectos participantes e nesta cuarta edición recibiron, sen ningún tipo de custe para eles, asesoramento e un apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas.

Os emprendedores atoparon un espazo de traballo en Expolemos, que foi o lugar onde recibiron formación e dispuxeron dun mentor personalizado que os axudou a validar e lanzar o seu proxecto.

Durante estes meses tivo lugar a celebración de diversos obradoiros (Lean Start Up: “Avaliación e validación do teu plan de negocio”; Crowfunding, “Estratexias de comunicación en redes Sociais”, “Creatividade e innovación”, “Como poñer en marcha un Plan de marketing dixital”, etc.), así como sesións de formación grupal (nas que se traballaron materias específicas para o impulso e despegue dos proxectos: “Finanzas para emprendedores non financieiros”, “Habilidades de Comunicación”, “Xestión do Talento nun proxecto emprendedor: deseña o teu equipo”, etc.)


Foto da clausura do Coworking-Demo Day de 2017