Clausura do IV Coworking-Ribeira Sacra de Monforte coa celebración da xornada Demo Day

Monforte de Lemos, 18 de xullo de 2019. O Centro Cívico de Monforte acolleu na tarde de hoxe o acto de clausura e a xornada Demo Day do IV Coworking-Ribeira Sacra de Monforte no que se presentaron os 19 proxectos xurdidos das diferentes xornadas técnicas e formativas que deron comezo o pasado mes de xaneiro en Expolemos.

O Coworking-Ribeira Sacra de Monforte contou co apoio do IGAPE (Consellería de Economía e Industria), da Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, do Fondo Social Europeo e do Concello de Monforte de Lemos. No acto de clausura participaron representantes do IGAPE, da EOI  e a Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada.

Na súa intervención, a tenente de Alcalde monfortina, salientou que “é un  orgullo e unha satisfacción tanto para o Alcalde coma para o Equipo de Goberno comprobar que na nosa cidade segue habendo ideas emprendedoras, e desexamos que tralo voso paso polo Coworking poidades levar adiante o voso proxecto de empresa. Tódalas edicións levadas a cabo ata agora do Coworking-Ribeira Sacra de Monforte foron un éxito, por iso confiamos en que esta no sexa a última edición e que sigan vindo outras“.

Do mesmo xeito, Gloria Prada salientou “unha das inversións mais produtivas que pode facer unha administración pública é investir no talento das persoas que teñen unha idea e que loitan por convertela nun proxecto de empresa útil para a sociedade. Atopámonos no interior de Galicia, onde é moi necesario crear postos de traballo e asentar poboación e así ter un crecemento económico. Deste xeito, as iniciativas empresariais que se dean no noso territorio son moi importantes. Por iso, o éxito das vosas iniciativas e de vós como emprendedores é un éxito para esta comarca de Lemos.”

A Tenente de Alcalde rematou animando aos participantes a non perder o ánimo e a seguir loitando polas súas ideas e pola súa empresa ou negocio.

 

 

IV Coworking de Monforte

O Espazo Coworking de Monforte de Lemos contou coa participación dos responsables de 22 proxectos participantes e nesta cuarta edición recibiron, sen ningún tipo de custe para eles, asesoramento e un apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas.

Os emprendedores atoparon un espazo de traballo en Expolemos, que foi o lugar onde recibiron formación e dispuxeron dun mentor personalizado que os axudou a validar e lanzar o seu proxecto.

Durante estes meses tivo lugar a celebración de diversos obradoiros (Lean Start Up: “Avaliación e validación do teu plan de negocio”; Crowfunding, “Estratexias de comunicación en redes Sociais”, “Creatividade e innovación”, “Como poñer en marcha un Plan de marketing dixital”, etc.), así como sesións de formación grupal (nas que se traballaron materias específicas para o impulso e despegue dos proxectos: “Finanzas para emprendedores non financieiros”, “Habilidades de Comunicación”, “Xestión do Talento nun proxecto emprendedor: deseña o teu equipo”, etc.).

Finalmente foron 19 os proxectos que se materializaron en empresas que xa están comezando a dar os seus primeiros pasos.