Monforte de Lemos, 3 de agosto de 2019. A XXI Mostra de artesanía Artelemos 2019 arrincou hoxe oficialmente coa inauguración que tivo lugar na rúa Cardenal ás 11:30 horas, e que contou coa presencia do Alcalde da cidade, José Tomé Roca e diversos membros do Equipo de Goberno así como da corporación municipal.
A mostra Artelemos permanecerá aberta ata o vindeiro mércores 7 de agosto na rúa Cardenal de Monforte de Lemos; como cada ano, o evento servirá de antesala ás Festas Patronais da cidade.
A feira, que naceu no ano 1996 e que xira arredor da artesanía, deixouse de realizar dende o ano 2011 (último ano de celebración); o actual Equipo de Goberno do Concello de Monforte volveu a recuperala e dende o ano 2015 celebrase tódolos anos cun aumento progresivo de participantes e artesáns que avalan este tipo de eventos.
Nesta mostra, que alcanza a edición número 21, contamos coa presencia de 29 profesionais da artesanía de toda Galicia (2 máis que o pasado ano 2018 e 7 máis que no ano 2017), que coma en anos anteriores, ubícanse desde hoxe na rúa Cardenal, en postos de venda individuais e agrupados en carpas separadas en grupos de 4 artesáns cada unha.
Artelemos conta cun orzamento de 7.000 euros, dos cales 4.000 son aportados polo Concello de Monforte e 3.000 corren a cargo da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Industria e Emprego. Pola súa banda, a Deputación Provincial de Lugo financia, a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), diversas demostracións de artesáns que terán lugar na xornada do propio sábado 3.
Artelemos, unha mostra consolidada que aposta pola artesanía de calidade
Artelemos é o escaparate dos pequenos obradoiros artesanais que están a traballar no noso territorio rural, espallados por toda a xeografía galega, e que gardan a identidade de oficios tradicionais conxugándoa con tendencias actuais.
O obxectivo de Artelemos é tentar achegar a Artesanía Local e Galega á xente na rúa, unha artesanía tradicional, e tamén máis moderna, cunha ampla variedade de disciplinas artesanais a través das cales poderán adquirir pezas de elaboración única e de gran calidade.
Os 29 artesáns que participan nesta 21ª edición de Artelemos contan coa carta de artesanía oficial que os acredita como artesáns galegos, e ademais posúen o certificado de obradoiro oficial. Por sectores, a participación deste ano está conformada por 4 artesáns de coiro, 5 de cerámica e vidro, 4 de xoiería, 2 de bixutería e tamén doutras disciplinas coma moda e complementos personalizados e exclusivos, xoguetes artesáns, marionetas e monicreques, pezas feitas en ganchiño, cestería, madeira e lousa, feltro, etc.
Na Mostra ademais dos 29 stands adicados á artesanía, podemos ver en vivo a elaboración de pezas, con diversas demostracións ao longo dos días de duración do evento.
Tamén hai diferentes obradoiros para cativos/as coma se pode ver no programa de cada día (máis abaixo) e o domingo día 4, haberá unha Xuntanza de Palilleiras, promovida dende a Asociación de Palilleiras da Ribeira Sacra, onde teremos presenza tamén de Palilleiras de Sarria e Quiroga.
En verbas do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca “dende o Concello, ideamos Artelemos coma unha feira actual, interxeracional, e intentamos acercar á poboación máis nova os valores do traballo feito a man e dunha identidade que queremos sumar como promoción turística do noso rural e da nosa Ribeira Sacra. E ademais, garantimos que o visitante atopará pezas únicas dos nosos artesáns galegos de calidade garantida nos materiais máis diversos.”
Programación 21ª Mostra Artelemos 2019
Sábado 3:
11:30 H.- Inauguración Oficial
12:00 a 14:00h.- Demostración Olería tradicional da Ribeira Sacra. Artesán: Tomás López González.
18:00 h.- Apertura de Stands de venda
19:00 a 21:00 h.- Obradoiro de Olería para nenos/as. Artesá: Otilia Arias García
23:00 h.- Peche de Stands de venda
Domingo 4:
11:00 h.- Apertura de Stands de venda
11:00 a 14:00 h.- Xuntanza de Palilleiras e exposición de encaixes na rúa Cardenal
18:00 h.- Apertura de Stands de venda
23:00 h.- Peche de Stands de venda
Luns 5:
11:00 h.- Apertura de Stands de venda
12:00 a 14:00 h.- Obradoiro de barro para nenos/as. Artesá: Amparo Scrich
18:00 h.- Apertura de Stands de venda
19:00 a 21:00 h.- Obradoiro de barro para nenos/as. Artesá: Amparo Scrich
23:00 h.- Peche de Stands de venda
Martes 6:
11:00 h.- Apertura de Stands de venda
11:30 a 14:00h.- Obradoiro de cestería para nenos/as. Artesá: Paqui Abeledo
18:00 h.- Apertura de Stands de venda
18:30 a 21:00 h.- Demostración dunha peza de lá feltrada. Artesá: Pilar Gonda
23:00 h.- Peche de Stands de venda
Mércores 7:
11:00 h.- Apertura de Stands de venda
12:00 a 14:00.- Demostración Olería de Gundivós. Artesán: Elias
18:00 h.- Apertura de Stands de venda
19:00 21:00 h.- Demostración Olería de Gundivós. Artesán: Elias
22:00 h.- Peche 21ª Mostra Artelemos 2019